- Detalles

Pasaron pouco máis de 15 días dende a súa presentación como delegada territorial da Xunta en Vigo e xa nos mostrou cal é o seu estilo: propaganda.
“A Xunta con Vigo. O Marisquiño”. Duas lonetas de propaganda tapando varios pisos das duas torres do edificio administrativo da Xunta en Vigo. Só lle falta sair de “telonera” ao estilo Abel nun dos concertos do Marisquiño.
A semana pasada o conselleiro de Facenda facía saltar as alarmas de que a Xunta reclamaba 700 millóns de euros ao Goberno do Estado, advertindo que de non recibilos perigaban as nóminas das empregadas e empregados públicos.
E con ese panorama Corina Porro non tivo vergoña de contratar duas lonetas de importantes dimensións que só conteñen propaganda, para descolgalas nos dous edificios diante dos fociños, e ollos, do persoal, que entre deseño, fabricación e colocación seguro que o prezo ten catro cifras.
Señora delegada territorial: a Xunta ainda non devolveu aos empregados e empregadas públicas todo o que nos roubaron. O Fondo de Acción Social segue capado; as compensacións por traballar domingos e festivos non se recuperaron; o diñeiro que nos sacaron das extras durante varios anos non se nos devolveu. Temos tamén problemas de climatización, espazo, mobiliario, saúde, ergonomía, etc.
Non tire o diñeiro en propaganda!
- Detalles
Nestes días aparece un informa de un sindicato da vergoña, de eses que asinaron un acordo de traballo coa Xunta do PP para eliminar calquera dereito do persoal laboral, eliminando o concurso de traslados, as oposicións por concurso-oposición, a promoción interna, etc... onde se fai unha proposta de compensación dos hararios para o persoal a quendas.
A proposta, en resumo é:
- 75% compensación por traballo en domingos e festivos
- Traballar como máximo a metade dos domingos e festivos
- O 24 e 31 de decembro (non especifican si é de decembro, aínda que imaxinamos que sí) días inhábiles.
- Detalles
Na Comisión de Persoal do 2/8/2019 (e Mesa Xeral previa), discutimos con Función Pública diversos asuntos, como o concurso de traslados de corpos xerais (ver nota informativa), e a funcionarización de varias categorías de persoal laboral da Xunta. En rogos e preguntas falouse de oposicións, previsións para setembro, previsión de concurrsos e promoción interna.
Acordos para a funcionarización de varias categorías
Comeza a intervención da CIG manifestando que estas categorías fan tarefas de inspección, polo que xa estiveron mal creadas dende un principio (sempre deberon ser postos de persoal funcionario). Tamén manifestamos que o proceso de funcionarización vai por mal camiño se pretenden facelo por parcelas e sen definir claramente as condicións salariais e garantíais laborais que veñen recollidas no V Convenio (ou por sentenzas) antes da súa execución. Tampouco queda comprometida a formación para quen non cumpra os requisitos. Nin que vai pasar coa carreira profesional do persoal que por incumprimento de requisitos teña que quedar como persoal laboral. E nada di do salario do persoal de novo ingreso ou persoal interino/a. As categorías son as que aparecen nos tres seguintes puntos.
- Detalles
Aprobado na Comisión de Persoal do 2 de agosto. Publicaríase en setembro, unha vez que se peche a discusión da oferta de postos (que continúa en revisión).
Durante toda a negociación houbo un elemento principal en disputa: a valoración do traballo desenvolvido en comisión de servizo como realizado no posto de orixe ou no da comisión. En todas as xuntanzas a CIG rexeitou a intención da Xunta de mudar o criterio mantido en todos os concursos anteriores e valorar o traballo como feito no posto en comisión. Porque a súa concesión non atende a criterios obxectivos de mérito e capacidade; porque é discrecional; porque temos infinidade de exemplos de abusos (comisións cruzadas, xente que constantemente salta de comisión a comisión..); porque xa non é un sistema de cobertura de prazas de urxente e inaprazable necesidade senón que é un sistema habitual de cobertura temporal. Sobran motivos, e estaremos dispostos a discutilo cando os concursos sexan convocados como mínimo anualmente e cando as comisións estean sometidas a criterios obxectivos.
- Detalles
Nas comisións de servizo non abonda con que a persoa adxudicataria cumpra os requisitos de idoneidade, senón que, cando sexan varias as persoas solicitantes, é necesario que se exterioricen as razóns polas que se elixe a unha das persoas peticionarias e se lles notifique a todas elas a decisión final para darlle posibilidade de impugnación. Iso vén a decirlle á Xunta de Galiza, por segunda vez, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
A nova sentenza do TSXG 341/2019, do 3 de xullo, incide nos mesmos aspectos que a anterior sentenza 87/2018 que demos a coñecer o ano pasado capitaneada tamén desde os servizos xurídicos da CIG.
Todo o mundo ten moi claro que as decisións discrecionais das Administracións hai que motivalas e tamén notificar as resolucións. Porén, esto parece que se lle esquece acotío á Xunta. É o mínimo que marca a lei. Non estaría de mais que os criterios de selección fosen previmente publicados, como non estaría de máis que as comisións de servizo fosen realmente "excepcionais" e "transitorias" e o ordinario fose o concurso aberto permanente. Mentres non sexa así, haberá que seguir defendendo os nosos dereitos á mobilidade e promoción profesional (e a legalidade) nos tribunais.
Desde a CIG valoramos positivamente esta senteza que non vai a eliminar de raíz a arbitrariedade no reparto das comisións de servizo, pero vaille a obrigar á Administración a botarlle máis imaxinación á hora de motivar por que unha persoa candidata é preferible sobre outra; a parte de a notificar a resolución (coa motivación) a todas as persoas candidatas. Así pois, permitirá unha comparación, que si pode ser controlable polos xulgados.
Esiximos que desde a Dirección Xeral de Función Pública se vele polo cumprimento da legalidade e xurisprudencia en todas as resolucións das comisións de servizo, que parece ser que no 2018 non nos fixeron moito caso. Vai rematando a época das comisións de servizo arbitrarias e eternas e parece mentira que no 2019 aínda esteamos así.
- Detalles
Medio Rural acumula varios incumprimentos polas eivas no servizo de incendios forestais.
A CIG-Autonómica reuniuse o martes 30 de xullo na Coruña co director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social (INTSS) de Galiza para solicitarlle que a Xunta de Galiza cumpra cos requirimentos realizados pola propia Inspección en materia de seguridade laboral.
Cómpre lembrar que a Xunta de Galiza acumula incumprimentos dos requirimentos da Inspección de Traballo en materia de seguridade e saúde laboral, emitidos tras das denuncias feitas pola CIG no INTSS a causa das grandes eivas de seguridade que se rexistran no servizo de incendios forestais.
A día de hoxe o persoal bombeiro forestal da Xunta de Galiza carece de máscaras de protección axeitadas, equipos de auto-rescate de osíxeno químico, alimentos de asimilación rápida para salvagarda de episodios de fatiga extrema, luces de emerxencia para os vehículos (V1), intercomunicadores, cursos de formación en materia de seguridade (vehículos todoterreo), etc.; malia que todas estas cuestións foron requiridas en varias ocasións polos inspectores/as de traballo do INTSS. De todos estes requirimentos que comezan en abril de 2017 só se lle entregaron aos traballadores e ás traballadoras as fichas F01 (unha simple fotocopia con medidas correctoras para o persoal).
- Detalles
56 aprobados para 97 prazas ofertadas. Dos dous procesos anteriores, no convocado no 2009 só se cubriron 89 das 158 prazas ofertadas e no do 2015 131 das 139.
Está claro que a Xunta non quere promoción interna: tres procesos en 10 anos e a metade das prazas sen cubrir. Unha promoción concebida como se fosen exames de acceso libre fronte á que fan outras Administracións onde se valora e forma ao seu persoal funcionario. Vergoña
- Detalles
O vindeiro luns 29/07/2019 remata o prazo para solicitar o acceso ao réxime extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional. Nese senso, lembramos que dende o 18 de xuño a CIG ten a disposición de todo o persoal excluido do sistema de carreira profesional pactado por CCOO, UGT e Xunta un modelo de solicitude para presentar por rexistro. Unha vez presentada por rexistro, a Xunta ten tres meses para dar unha resposta. Se a resolución é desestimatoria, o paso seguinte é a interposición dun recurso de alzada.
Entre tanto, confiamos en que a xustiza resolva o contencioso-administrativo presentado pola CIG contra a contra a Orde do 15/01/2019 do Acordo de Concertación do Emprego Público de Galiza pactado pola Consellería de Facenda e os sindicatos CCOO e UGT e dos recursos contra a Orde do 28/03/2019 do acceso ao grao I do sistema de carreira profesional e a Orde do 08/04/2019 de confección de nóminas.
Resulta curioso que a menos dunha semana para o remate do prazo, haxa algún sindicato en SSCC que se acorde agora do persoal excluido cando a CIG leva catro meses a voltas con este tema tratando de buscar a extensión do dereito a todo o persoal. En fin...
- Detalles
Recibimos o segundo borrador de prazas vacantes para o concurso de traslados de corpos xerais. Neste listado xa están incluidas todas as consellerías.
O listado inclúe algunhas modificacións respecto do primeiro listado (consellerías do Mar, Política Social, Sanidade, Cultura, Educación, Economía e Infraestruturas), no sentido de que inclúen prazas novas, e engaden observacións a prazas que as consellereías queren retirar por ter prevista a súa amortización (son as que indican "PRESENTADA CERTIFICACIÓN").
A CIG presentou alegacións ao primeiro listado, con referencias a 53 postos, pero tan só nos fixeron caso a 11 deles.
Rexeitamos a retirada de prazas por proposta de amortización das consellarías. En primeiro lugar, porque as consellerías puideron facelo e non o fixeron. En segundo lugar, porque repiten a artimaña para retirar prazas dos concursos que finalmente non son amortizadas.
- Detalles
Achegamos resumo da Comisión de Persoal e Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos que tivemos o luns 8 de xullo, onde se trataron: RPTs, Funcionarización, modificación do Acordo de Concertación, e outras informacións.
En Comisión de Persoal:
Modificación da RPT de Medio Ambiente: aprobada cos votos en contra de CIG, co voto a favor de CCOO, e a abstención de CSIF e UGT. Descargar borrador
Decreto de funcionarización: o director xeral de Función Pública retira o asunto da orde do día. Pendente de comprobar as equivalencias de categorías coas escalas. Descargar borrador.
Modificación do Acordo de Concertación Social e do Fondo de Acción Social: Entregaron un novo borrador o mesmo día, polo que tamén se retira da orde do día e dan prazo de alegacións ata o venres 12 de xullo. Descargar borrador.