Novas por contido

Logo de ignorar as numerosas veces que dende a CIG se expuxo a necesidade de creación das listas de persoal funcionario, chegaron a ter que que sacar unhas listas polo trámite de urxencia para poder cubrir as prazas do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Non será por non avisar!

A funcionarización do SPIF levouse a cabo xa fai un ano, o dia 1 de xuño de 2023. E xa dende esas, a CIG solicitou a creación de listas para a cobertura das prazas funcionarizadas.

A toma de posesión dos procesos selectivos do SPIF tivo lugar durante o mes de decembro do 2023. O persoal que quedou fora pero superou algún exame, quedou sen poder actualizar os seu méritos ao non abriren as ditas listas de persoal funcionario.

O Decreto de listas prevé a apertura das mesmas nos meses de marzo e abril co fin de poder solicitar incorporarse a elas. A CIG instou á consellería, unha vez máis, a creación das listas de persoal funcionario do SPIF. Pero seguen a chamar desde as listas de laborais provocando diversos prexuízos, tanto para o persoal (renuncias) como para o propio servizo (necesidade de múltiples chamamentos e atraso da cobertura efectiva da praza).

Toda esta situación esta levando a esgotar as listas de contratación de persoal laboral.

A Consellería do Medio Rural tivo que facer, ás presas e correndo, unha apertura provisional de listas con oferta ao Servizo Público de Emprego para a cobertura de prazas no SPIF.

Fixerono en plena campaña de incendios, cando as listas de contratación están baixo mínimos e non lles queda outra que facer un “chamamento” ao SEPE cando moito persoal quere anotarse nas listas e non pode pola non existencia das listas funcionarias e a non apertura das listas laborais.

Dende a CIG fixemos unha campaña para que calquera persoa afectada puidese reclamar de xeito individual a creación das ditas listas. Por outra banda tamén recollemos de xeito colectivo preto de 400 sinaturas co fin de que a administración corrixa a discriminación de traballadores no SPIF. Pedimos que remate xa este desleixo por parte da Administración. Os asinantes reclamamos a creación con urxencia das listas de funcionarios nas categorías do SPIF.

O día 18 de xullo de 2024 reuniuse de xeito ordinario o Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Medio Rural. O último comité tivo lugar en decembro, e lembróuselle á presidenta que segundo a Lei 31/95 de Prevención de Riscos, os Comités deben de ser trimestrais. O presidente comprometeuse a retomar os comités de xeito trimestral.

INCUMPRIMENTO da Orde de Uniformidade de Axentes Ambientais: A administración tratou de xustificar este incumprimento baseándose en que practicamente xa deran todo aos/ás axentes. Isto non é así, xa que ademais do incumprimento da 1º entrega e das entregas das reposicións, tamén incumpren de xeito reiterado a Orde do 27 de febreiro de 2020, en canto aos elementos identificativos do uniforme da escala nos EPIs. E por moito que digan inda quedan mais de 10 elementos do uniforme por entregar.

Segundo nos informan antes de rematar xullo entregaranse EPIs de incendios que xa cumprirán esta Orde.

AVALIACIÓN DE RISCOS das bases de Bombeiro/as Forestais: Pedimos, de novo, a avaliación dos centros, xa en funcionamento desde fai tempo, e que seguen sen avaliar como Vincios ou Guizán. Segundo di o Servizo de Prevención o problema é que non teñen xente abondo para facer as avaliacións. Pero o verdadeiro problema, que non dan resolto, é que a Consellaría de Medio Rural ten persoal traballando en centros sen avaliación de riscos.

RUIDO NOS VEHÍCULOS Toyota Land Cruise e Skoda Karoq (2023): Infórmannos de que xa están a solucionar o problema.

SOBREESFORZOS en AGACAL: Informamos do problema de sobreesforzos que están a soportar as persoas traballadoras do AGACAL por falta de cobertura de prazas. Isto fai que unha persoa teña que levar a carga de traballo de varias, ademais da súa propia. A Administración di que non teñen datos de baixas por sobreesforzos. Parece ser que mentres o traballo saia adiante, a Administración non ten problema con que o seu persoal asuma unhas cargas de traballo excesivas se elo non comporta baixa médica. Non é difícil pensar que se teñen que estar presentes tres persoas de quenda e só hai unha, esta sufrirá unha sobrecarga de traballo xa que, por exemplo, os animais non poden quedar sen atender. Pedimos unha solución rápida a este problema.

DISTRITO II: informan de que están a facer melloras nas instalacións de diferentes bases de bombeiros forestais.

CARRACHAS: No último comité, de decembro do 2023, aprobouse unha modificación do protocolo das carrachas pero que, por desleixo da dirección da Administración, este aínda non se fixo e por tanto non se mandou aos traballadores/as.

No protocolo anterior puña que había que quitar a carracha o antes posible, e debe poñer que “a persoa traballadora informe o centro de traballo e vaia quitar a carracha á mutua (ou ao centro de saúde se a detecta fora das horas de traballo)” para que así “quede constancia por escrito da picadura de carracha”. Xa que, como os síntomas poden tardar en aparecer un tempo, se o incidente non está informado a mutua non acepta que houbese unha picada anterior no tempo de traballo.

Debido ao alto grado de incidencias destes artrópodos no traballo diario e o risco para o persoal de contraer enfermidades graves, como a enfermidade de Lyme, consideramos de gran importancia que o novo protocolo de actuación fronte as carrachas se distribúa o antes posible.

A Administración resposta que van sacar unha circular e tamén din que SI van a dar repelentes. Xa estamos case no mes de agosto, non foi sen tempo!

ROGOS E PREGUNTAS: ROUPA DE AGACAL
Lembramos, como xa explicamos nos comités anteriores, que o prego de condicións para a roupa do AGACAL non pasou polo comité. AGACAL tampouco tivo en conta a decisión tomada neste comité de que a roupa tería que ir diferenciada por sexos, por cuestións de ergonomía e prevención de riscos. E informamos das queixas recibidas do persoal pola mala calidade das prendas. Pedimos que esta situación se solucione para os contratos menores deste ano, e que o próximo prego de condicións pase polo comité de seguridade e saúde, como ten que ser.

O servizo de persoal de Medio Rural vén de achegarnos a relación de prazas que foron anunciadas en "Moura" para a súa cobertura a través das listas de contratación. Trátase de prazas de varias categorías correspondentes ao Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF).

Lembra que os chamamentos para as prazas de 12 meses teñen que vir sinalados como optativos (agás axentes e operador codificador) porque fan o chamamento a través das listas de laborais. E que o persoal de 6 meses non debería recibir citacións para outras prazas de 6 meses, a non ser que sexa persoal indefinido.

A xustificación desta proposta de modificación parcial da RPT da recentemente rebautizada Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional baséase fundamentalmente na necesidade de adecuar as unidades administrativas á nova estrutura orgánica, pero en realidade non é máis que outra destrución de postos base para crear postos de escalas e niveis altos centralizándoos en Compostela e deixando ás Xefaturas (agora chamadas Departamentos) Territoriais e os centros de ensino cada vez con menos recursos, xa que se amortizan 21 postos para crear 12.

Para xustificar a creación de 5 dos 12 postos faise referencia a que anteriormente Cultura daba apoio aos servizos de Educación por ter esta máis volume de traballo. Entón... preguntámonos porque a Xunta non deixa de marear xa de unha vez á Consellería de Cultura que dependendo do aire que sopre pertence ou non á de Educación? Por que a Consellería de Cultura é sempre o comodín que vai ou vén segundo interese? Será que á Xunta de Galiza pouco lle interesa a Cultura?

As competencias de transporte escolar pasan a ser asumidas pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes cando anteriormente estaban xestionadas directamente pola propia Consellería de Educación, polo que hai determinados efectivos que pasaron a depender doutra consellería, o que, a priori, parece lóxico. Mais por que se emprega entón esta xustificación para crear 2 postos (só en Coruña e Pontevedra) para a tramitación de asuntos en materia de comedores escolares, cafeterías, becas, títulos e libros de cualificación? En Ourense e en Lugo non tramitan este tipo de asuntos ou nestas provincias non hai comedores escolares, cafeterías, becas...?

Por outra banda, é curioso que unha das xustificacións da creación de 2 novos postos na Xefatura de Servizo de Persoal de Administración e Servizos sexa a asunción das competencias en prevención de riscos laborais cando no ano 2020, e con motivo doutro decreto de estrutura, fixeron desaparecer o Servizo de Prevención de Riscos e a consellería vén incumprindo sistematicamente a Lei de Prevención de Riscos Laborais tal e como denunciamos aquí.

Pola famosa “estabilidade orzamentaria” precisan amortizar postos e neste caso son 9 postos base C2 (6 de nivel 12, 2 de nivel 14 e un de nivel 16) e 7 postos de Agrupación Profesional nivel 10 correspondentes a persoal de limpeza e cociña. É certo que tamén se amortiza algún posto de grupos máis altos: 2 son postos de médico (un deles coa especialidade de psiquiatría), 1 posto de educador nun centro de educación especial e 1 de intérprete de lingua de signos. Será que á consellería a atención a diversidade non lle preocupa demasiado?

Para crear postos deste tipo nunca hai limitación, porque "o manda o Decreto de estrutura" e sácase o orzamento de onde sexa, maiormente amortizando postos de nivel inferior polo que novamente asistimos a unha inversión da pirámide de recursos humanos, onde cada vez hai máis cargos e menos postos base.

A creación deste tipo de postos tamén se fai o antes posible porque tamén “o manda o Decreto de estrutura”, e non hai que esperar meses e meses (antes eran anos…) no tocante ás modificacións derivadas da creación de postos de estrutura.

É unha mágoa que o Decreto non mande negociar as ratios obsoletas da Circular do ano 94 e as condicións de traballo do persoal non docente dos centros de ensino, demanda que a CIG mantén dende hai anos e por tal motivo xa solicitamos unha xuntanza co Conselleiro.

Con todo o indicado, na xuntanza que mantivemos o 23 de xullo solicitamos a creación dos seguintes postos dos que temos coñecemento:

  • Persoal subalterno para o IES Nº 1 de Ordes
  • Oficial 2ª cociña para o CEE A Barcia
  • Non só non amortizar senón que pase a xornada completa o posto de Médico (psiquiatra)
  • Persoal coidador para os seguintes centros:
    • IES Perdouro (Burela)
    • CEIP Plurilingüe (Foz)
    • IES Gregorio Fernández (Sarria)
    • CEIP As Mercedes (Lugo)
    • CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Burela)
    • CEIP Casás (Lugo)
    • CPI Plurilingüe Jose García García (Ourense), para dar cumprimento á avaliación de riscos laborais
  • Axudante de cociña CEIP Plurilingüe Ribadavia (Ourense)
  • Axudante de cociña CEIP Albino Núñez (Ourense)
  • Persoal subalterno e auxiliar administrativo no IES Universidade Laboral (Ourense)
  • Persoal Arquitécto Técnico, Enxeñeiro Técnico Industrial e Delineante para a Unidade Técnica de Ourense
  • Persoal dependente do Servizo de Apoio aos Servizos Educativos para os Departamentos Territorias de Ourense e Lugo ao igual que os que se crean para Coruña e Pontevedra

Ponte en contacto coa CIG  se queres achegarnos as túas demandas.

O pasado 18 de xullo tivemos unha xuntanza con Función Pública por mor dos procesos selectivos de estabilización. Desta xuntanza que tivo carácter meramente informativo, podemos salientar as seguintes cuestións:

- Función Pública vai valorar o tempo de inactividade do persoal fixo descontinuo por mor da xurisprudencia do Tribunal Supremo.

- Segundo o seu criterio non teñen que modificar as bases da convocatoria onde hai persoal fixo descontinuo porque non é un cambio nas bases, senón unha diferente interpretación desas bases, amparadas nunhas sentenzas xudiciais. Así que todo vai seguir igual salvo o feito da suma de oficio por parte da Xunta desa puntuación adicional. O proceso vai seguir co autobaremo actual coa salvedade desa puntuación extra, polo que só se lle barema á xente que entra no número máximo de persoas a baremar.

- Tamén dixeron que estes criterios non van ser aplicables ás baremacións do persoal a media xornada, nin os remudistas nin ás persoas que traballan en fins de semana.

A puntuación do periodo de inactividade para o persoal descontinuo foi algo que a CIG xa solicitara cando se estaban a negociar as bases das convocatorias, hai xa máis de dous anos e medio. E que de terse tido en conta daquelas non provocaría o caos no que nos atopamos agora.

Neste asunto o posicionamento da CIG é o seguinte:

- Paralizar o proceso de alegacións.

- Abrir un novo prazo de solicitude de participación nos procesos selectivos onde houbera persoal fixo descontinuo.

- Baremar a todas as persoas solicitantes.

Lamentablemente Función Pública opina que nada disto é necesario, polo que só deixa aberta a vía xudicial a todas aquelas persoas que se vexan afectadas por esta nova interpretación.

No DOG do 24/07/2024 publican o DECRETO 171/2024, do 8 de xullo, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galiza do calendario laboral para o ano 2025.

De non se producir modificacións no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2025 serán as seguintes:

1 de xaneiro Aninovo

6 de xaneiro Epifanía do Señor (Día de Reis)

17 de abril Xoves Santo

18 de abril Venres Santo

1 de maio Festa do Traballo

17 de maio Día das Letras Galegas

25 de xullo Día Nacional de Galicia

15 de agosto Asunción da Virxe

1 de novembro Todos os Santos

6 de decembro Día da Constitución Española

8 de decembro Inmaculada Concepción

25 de decembro Natividade do Señor

As festas mencionadas terán carácter obrigatorio e non recuperable.

O Acordo de condicións laborais do persoal do SPIF asinouse este luns 22 de xullo

Dende o ano 2018 na CIG levamos demandando que a organización e condicións laborais do persoal do SPIF tiñan que ser obxecto dunha nova regulación, adaptada á evolución na tipoloxía dos lumes e á multiemerxencia no medio natural e rural. Traballo nos costou, mobilizacións incluídas, que a Xunta se sentara a abrir unha negociación.

Mais cando a Consellería decidiu abrir esta negociación, só estivo disposta a establecer “un mínimo”, cunha chea de cuestións por determinar no aire tales coma as funcións, regulación de franxas horarias, reordenación dos efectivos sen mermar a seguridade coa correspondente contratación de xefes/as de brigada… e tamén decidiu que fora por “parroquias”, deixando sen aplicación destas condicións de momento ao persoal laboral descontinuo, tal e coma se comprometeran a facer, e causando problemas organizativos e discriminación entre compañeiras e compañeiros do servizo.

Nós xa dende aquela, pola nosa parte, fixemos achegas para facer unha regulación o máis exhaustiva e homoxénea posible, que xa tocaba. Para a CIG-Autonómica era esencial que os dereitos laborais atinxiran a todo o persoal, fose funcionario ou laboral, se regulasen funcións, se tendera a unha xornada máis reducida para minimizar os riscos inherentes á profesión, se avanzara no recoñecemento de enfermidades profesionais, etc… Isto é: unhas condicións dignas para todo o persoal sen excepción.

Pero por parte da Consellería decidiuse que quedara “case todo” por regular nunha comisión de seguimento deste acordo. Por iso, dende a CIG, tomamos a decisión de asinar o acordo para estar na comisión de seguimento, tentar seguir mellorando o texto e non deixar nas mans da Administración e das outras organizacións sindicais, ás que xa lles podía valer o primeiro borrador, a regulación de todas as cuestións importantes que quedaron pendentes.

A día de hoxe, aínda son moitas as eivas que están pendentes de solucionar. A modo de exemplo:

  • Seguimos sen ter unha regulación de tarefas, desviándonos ao V Convenio Colectivo ou a Lei do emprego público de Galicia, segundo interese.
  • Non se está aplicando aínda a retribución do traballo realizado en domingos e festivos.
  • A nova organización das brigadas supuxo ter grupos sen responsable, o que xerou problemas de seguridade laboral.
  • Problemas de solapamentos de persoas nunha mesma quenda por mor da combinación de quendas distintas de persoal laboral e funcionario.
  • Pese a non ter polo de agora unha gran carga de incendios, xa hai brigadas con prolongación de xornada.

Agora o que toca é seguir traballando e loitando para poder desenvolver un verdadeiro acordo, que cubra todas as cuestións necesarias para o servizo e o seu persoal. Iso sí, sen discriminacións, para todo o persoal e con sentidiño.

A Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, convocounos a unha xuntanza para o día 18/07/24, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT). Ao coincidir con outras xuntanzas para o mesmo día, as organizacións sindicais solicitamos mudar a data. Descargar a proposta.

De entrada, na proposta queren amortizar 21 postos de traballo de postos de administración en servizos centrais e nalgunha xefatura territorial, e maioritariamente de atención directa en centros de ensino. A cambio crean 12 postos, maioritariamente xefaturas de sección en servizos centrais.

Cando a Dirección Xeral do Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) publicou o pasado 9 de xullo o baremo provisional do proceso de estabilización da categoría de xefe/a de brigada, saltaron as alarmas polo feito de que a experiencia profesional que se lle asignaba a moito persoal era superior á esperada, mesmo por riba da declarada polas propias persoas afectadas no seu autobaremo. Os efectos sobre as futuras relacións de persoas que superarían o proceso poderían ser importantes por alterar a puntuación de moita xente.

A CIG contactou de inmediato coa DXEP para pedir unha explicación, que resultou ser que existían sentenzas que obrigan a valorar o tempo de inactividade do persoal descontinuo. Dando por suposto que efectivamente existen tales sentenzas, solicitamos copia para analizalas. Porén, pasaron os días, e as sentenzas non nolas remitiron, limitándose a DXEP a emitir un comunicado no que afirman que: “de conformidade coa recente xurisprudencia do Tribunal Supremo os periodos de suspensión de actividade do persoal descontinuo valoranse coma de ocupación efectiva

Durante as negociacións das bases das convocatorias, a CIG solicitou ter en conta dalgún xeito os periodos de inactividade do persoal descontinuo, así como do persoal que presta servizos en fin de semana, a media xornada, e contratos continuados de horas ou xornadas soltas. Porén, as persoas que dirixen Función Pública non aceptaron nada, e as bases sairon como sairon. Esas foron as regras de xogo que decidiron, as persoas se inscribiron coñecendo os criterios, e mesmo puido haber quen non se inscribiu precisamente polos criterios publicados. E agora din que as teñen que mudar por sentenzas, e fanno sen negociación nin información ás organizacións sindicais, e sen publicación de modificación algunha das bases no DOG.

A CIG ven de enviar un escrito á DXEP no que solicitamos a copia das sentenzas invocadas, unha xuntanza urxente para tratar sobre a modificación dos referidos criterios, e a paralización dos prazos de reclamación á baremación provisional desta convocatoria ata que se aclare a situación.

No DOG do 15/07/2024 publican a ORDE do 11 de xullo de 2024 pola que se ditan as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2024 e se actualizan as contías das retribucións en aplicación do Real decreto lei 4/2024, do 26 de xuño.

O 27 de xuño do 2024, publicouse no Boletín Oficial do Estado o Real decreto lei 4/2024, do 26 de xuño, que establece no seu artigo 6 un aumento do 2 por cento sobre as retribucións do persoal do sector público, con efectos do 1 de xaneiro de 2024, que se calcula sobre os valores retributivos vixentes en 31 de decembro de 2023. Para actualizar as retribucións, procede ditar unha nova orde que substitúe a vixente Orde do 19 de xaneiro de 2024 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2024.

Outras novas recentes

Xoves, 28 Agosto 2025

Rueda, o máximo responsábel político da prevención e extinción de incendios na Galiza, debe cesar a conselleira de Medio Rural

Manter á conselleira e a unha cúpula de altos cargos incompetentes en Medio Rural faino máis cómplice do desastre A traxedia dos lumes que está a padecer Galiza é en grande medida froito das políticas de prevención e extinción dos lumes do PP que a converteu nun polvorín. A CIG leva anos advertindo das carencias na prevención e na nefasta xestión da extinción que pon a...
Venres, 29 Agosto 2025

O PP despreza ao persoal bombeiro forestal

Xa sabiamos que para o PP a culpa dos lumes é de todo o mundo menos deles. Agora ben hoxe coñecemos unha mensaxe tremenda da presidenta do PP do Barco de Valdeorras nas redes sociais. Que esta señora afirme que a única culpa dos lumes a teñen os incendiarios e algún das brigadas forestais supera tódolos límites e ahí sí que se van atopar de fronte coa CIG. E non contenta...