- Detalles
No DOG do 03/02/2025 publican a RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación de postos que se ofertan e se convocan ao acto de elección de destino provisional as persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, mediante o sistema de concurso, para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), convocado pola Resolución do 27 de decembro de 2022.
Aproban a relación de prazas que se lles ofertan aos/ás aspirantes seleccionados/as no proceso, e que figura como anexo II desta resolución.
Convocan as/os aspirantes seleccionadas/os incluídas/os no anexo I para que, nun único chamamento e acto, elixan obrigatoriamente destino provisional pola orde de puntuación acadada no concurso de méritos.
O acto de elección de destino terá lugar o mércores 12 de febreiro de 2025, no salón de actos da Consellería de Sanidade; Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, ás 9.00 horas para todas as clases: farmacéutico/a inspector/a de Saúde Pública, inspector/a médico/a e subinspector/a sanitario/a.
- Detalles
No DOG do 03/02/2025 publican a RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación de postos que se ofertan e se convocan ao acto de elección de destino provisional as persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), convocado pola Resolución do 24 de novembro de 2021.
Aproban a relación de prazas que se lles ofertan aos/ás aspirantes seleccionados/as no proceso, e que figura como anexo II desta resolución.
Convocan as/os aspirantes seleccionadas/os incluídas/os no anexo I para que, nun único chamamento e acto, elixan obrigatoriamente destino provisional pola orde de puntuación acadada no concurso-oposición.
O acto de elección de destino terá lugar o mércores 12 de febreiro de 2025, no salón de actos da Consellería de Sanidade; Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, no horario que a seguir se indica, en función da clase:
Ás 10.30 horas, as clases de farmacéutico/a inspector/a de Saúde Pública, inspector/a farmacéutico/a, licenciado/a en Farmacia, ATS/DUE e subinspector/a sanitario/a.
Ás 13.00 horas, as clases de inspector/a médico/a, licenciado/a en Medicina e Cirurxía, licenciado/a en Ciencias Químicas, licenciado/a en Ciencias Biolóxicas e licenciado/a en Psicoloxía.
- Detalles
No DOG do 31/01/2025 publican a RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de prevención e defensa contra incendios forestais.
O prazo habilitado para presentar a solicitude de elección de postos de traballo e xustificar a posesión de méritos e requisitos será de quince (15) días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, concretamente desde o 3 ao 21 de febreiro de 2025.
Durante o prazo indicado no punto primeiro as persoas concursantes poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I da resolución de convocatoria, modificada pola Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 233, do 11 de decembro) e corrección de erros (DOG núm. 237, do 15 de decembro), aos cales se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/
A solicitude de postos de traballo deberá presentarse electronicamente, segundo o establecido na base IV de Tramitación electrónica.
Os méritos e requisitos deberán acreditarse de conformidade co procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das súas entidades públicas instrumentais.
Non obstante, a acreditación da posesión do requisito indispensable Proba física pack test indicado nalgún dos postos ofertados xustificarase mediante a superación da proba física correspondente. Serán convocadas á realización desta proba as persoas solicitantes deses postos, mediante convocatoria que será publicada no Diario Oficial de Galiza.
As persoas concursantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos valorables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da Canle do emprego público de Galiza (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal
- Detalles
No DOG do 30/01/2025 publican o ANUNCIO do 24 de xaneiro de 2025 polo que se abre o prazo para presentar solicitudes para o ano 2025 de pase á segunda actividade do persoal das categorías de bombeiro/a forestal do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais, derivado do publicado pola Resolución do 9 de xaneiro de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Pode solicitar o pase á segunda actividade o persoal traballador fixo e temporal das categorías de bombeiros/as forestais que cumpra ou teña cumprido xa no ano 2025 os 60 anos de idade e que se comprometa a xubilarse á idade legalmente establecida ou, de ser maior de 65 anos, no prazo dun ano despois de concedida a segunda actividade.
As solicitudes (anexo II) deberán ir acompañadas do compromiso de xubilación (anexo III) e remitiranse á Consellería do Medio Rural, que será a competente para realizar a proposta de adscrición á segunda actividade á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, que é a competente para resolver todas as solicitudes presentadas.
O prazo de solicitude será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG.
- Detalles
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unhas xuntanzas para tratar o Concurso Específico, a modificación da RPT de Educación, e a modificación de 4 postos por sentenzas xudiciais.
A Mesa Xeral e a Mesa Sectorial de Persoal Funcionario van ser o venres 31, e como é habitual, para non deixarnos tempo para estudar as cousas en condicións, recibimos a convocatoria e documentación ao final da mañá do martes 28, convocatoria dunha xuntanza previa coa DXEP o xoves 30, polo que tan só nos queda o mércores 29 para organizarnos e estudar a documentación, sen tempo a que o persoal afectado poida tamén estudalo e facernos achegas. Veremos canto tempo nos deixan ata que se aprobe en Comisión de Persoal.
CONCURSO ESPECÍFICO
Este tipo de concursos, pensado principalmente para xefaturas de servizo e de sección, foi un invento da Lei de emprego público de Galiza, e dende entón (ano 2015), todos os postos foron cubertos mediante comisións de servizos, polo que as persoas que os ocuparon mantiñan bloqueados outro posto. O último movemento foi en setembro do 2022, cando publicaron o Decreto de mobilidade que di pouco máis que o xa previsto na LEPG. Afecta a 861 postos (6 de nivel 20, 40 de 21, 2 de 22, 82 de 25, 33 de 26 e 698 de 28). Descargar. Ver información en boletín de abril/2024.
RPT DE EDUCACIÓN
Pasou medio ano dende a primeira e última vez que falamos desta proposta coa consellería de Educación (23/07/2024). Non lles faltou tempo para estudalo. Descargar
RPT DE SENTENZAS
Limítanse a modificar catro postos por sentenza xudicial, tres delas con cambio de escala, e unha con cambio de complementos. Descargar.
Se é do teu interese, podes contactar coa CIG.
- Detalles
Persoal existe e a Consellería sabe como contratalo; o CAPD podería estar aberto en menos de 5 días.
Ante a intención de privatizar a xestión do novo Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense, a CIG quere desmentir as afirmacións da Consellería nas que manifesta que non hai persoal técnico cualificado abondo na Consellería, algo do que si dispón, supostamente, unha empresa privada.
Se teñen o diñeiro suficiente, tal e como indican no informe, queremos lembrar que a data de hoxe, e soamente na provincia de Ourense, nas listas de contratación temporal da Xunta de Galiza, listas das que se nutre de persoal a Consellería para substitucións e cobertura de novas vacantes, hai profesionais suficientes para a apertura inmediata do CAPD de Ourense.
Pois ben, Educadores/as, Grupo A2, para os que se require a titulación de educador/a social, mestre/a en educación infantil ou primaria, grado en psicoloxía, grado en psicopedagoxía: neste momento hai 500 persoas na lista da provincia de Ourense para a súa incorporación inmediata a unha praza vacante na Xunta de Galiza.
Para o corpo de Psicólogos/as 169 persoas, Terapeutas ocupacionais 13 persoas, Traballadores/as sociais 244 persoas e poderíamos seguir poñendo exemplos de profesionais que son necesarios para a atención de persoas con discapacidade e que están á espera de traballar na Xunta.
Pero é máis, se non hai profesionais suficientes na Xunta, como é que durante a pandemia foi persoal propio da Consellería o que traballou e lle sacou as castañas do lume as residencias privadas intervidas e xestionadas en moitos casos por entidades sen ánimo de lucro? É que estes profesionais servían para a pandemia e non serven agora? Os traballadores e traballadoras somos, para a Consellería de Política Social, algo de usar e tirar?
É máis, seguimos servindo a día de hoxe para intervir Residencias públicas con xestión privada, como é o caso da do Carballiño. Residencia paradigma do que ocorre cando se privatiza un servizo, que a Xunta ten que intervila e enviar persoal propio para garantir a atención axeitada ao persoal usuario, xa que se non, esta non está garantida.
Xa está ben que se menosprece ao persoal da Consellería de Política Social, consellería que está chea de bos profesionais que o demostran día a día, traballando, moitas veces, en condicións precarias e que grazas a súa profesionalidade os centros son exemplo de boa atención as persoas usuarias.
Esiximos a Consellería de Política Social que retire a licitación do CAPD de Ourense e se contrate o persoal necesario a través das fórmulas legalmente establecidas para a contratación de persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza.
- Detalles
Recibimos comunicación da Dirección Xeral de Emprego Público, na que nos informan de que o venres 31 de xaneiro publican en DOG a Resolución pola que abren o prazo para a elección de postos de traballo e a xustificación dos méritos e requisitos no concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes nas escalas de prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF).
- Detalles
No DOG do xoves 23 de xaneiro, publican a ampliación do prazo para a realización do primeiro exercicio dos procesos selectivos por promoción interna de Administrativo-C1 e Auxiliar-C2. Por esta razón, recibimos numerosas consultas de se habería cambios nas datas previstas para os exames.
Feita a consulta na Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, infórmannos de que as referidas ampliacións de prazos débense a cuestións técnicas relacionadas cos 40 días hábiles máximos que poden mediar entre a data de constitución dos tribunais e a data do primeiro exercicio, pero que manteñen as datas previstas para a realización do primeiro exercicio.
- Detalles
Na reunión de listas do día 22 de xaneiro ademais de tratarse as reclamación presentadas tamén se falou dos seguintes temas:
- O uso da lista III-017 para cubrir 2 postos do Intecmar e 1 do Agacal
- O uso da lista A2 xestión para cubrir un posto de Portos de Galiza
- O uso da lista A1 2060 para cubrir 2 postos do IGAPE
- Antes da próxima reunión da comisión, datada para o 26 de febreiro, sairán as listas definitivas do prazo extraordinario das categorías de Orientación Laboral e Saúde Laboral. Informan de vai haber moitas exclusións porque hai moito título de empresas privadas que as CCAA afectadas non avalan ou non teñen datos.
- A integración do Consorcio nas listas vai ser de forma paulatina xa que é inviable a xestión de todos/as á vez neste momento. De momento van seguir chamando das listas do Consorcio e dende o Consorcio pero as coberturas teñen que ir feitas na plataforma da Xunta para que "Función Pública " leve control. No prazo de actualización de méritos das listas xa se van ter en conta os méritos do Consorcio á xente que xa está na lista e abrirase de xeito extraordinario a posibilidade de que durante o prazo de solicitudes ordinario quen teña servizos prestados no Consorcio se anote, aínda que a lista teña pechada.
- Para proceder á funcionarización da lista de Educadores van unificar antes as listas II-008 e II-040.
- Están estudando a funcionarizacion das listas das escalas funcionarizadas en setembro, pero isto aínda vai tardar algo.
No caso das listas do IV-004 que pensamos que podían pasarse á lista de funcionario C2, escala de coidadores sen máis, aínda que parece ser que non porque nesa lista hai persoal con servizos do III-099 e non saben como pode facerse para que os puntos do III-099 pasen á lista C2 (este caso non se dera aínda dentro das mil e unha casuísticas dadas).
- Tamén están intentando buscar unha solución para o persoal da lista IV-032 (operador codificador de datos) que non estaba a prestar servizos no momento da funcionarización da categoría porque esa categoría non se integrou no C2 como tal senón que solo pasaron as prazas ao C2.
- Listas de incendios:
.. O tempo traballado na Xunta van poñelo como no resto de listas de oficio.
.. Vai contar o tempo en concellos, mancomunidades e Seaga por unha soa vez e ata a o 30/05/2023 e haberá que presentar os servizos prestados no anexo II, aínda que xa o teñas validado no expediente FIDES. Hai que anexalos coa solicitude (si teñen cvc de forma telemática e senón no rexistro presencial)
.. Tamén aconsellan anexar o Celga (aceptan copia simple) para acortar o tempo de xestión e que as listas podan estar operativas para a campaña deste ano. O anuncio publicado refire: “Actualmente está aberto o prazo para inclusión en determinadas listas da escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais e da escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Os servizos efectivamente prestados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza serán valorados de oficio pola Administración, non sendo necesaria a súa acreditación documental. Os servizos prestados en concellos ou mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galiza ou demais entidades instrumentais deberán ser acreditados documentalmente"
- Detalles
A CIG vén de presentar as alegacións ao informe da Dirección Xeral de Defensa do Monte (DXDM) sobre accións formativas e de adestramento do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais (SPIF), datado en novembro de 2024. No devandito informe figura o plan de formación dos SPIF para o período 2025-2028 e unha baremación para a selección do futuro persoal formador, entre outros.
- Ausencia dunha visión de conxunto da formación e implantación de plans de formación inconexos entre si
Nestas alegacións criticamos a falta dunha visión de conxunto e dunha mínima coordinación á hora de planificar a formación no eido da nosa Administración, dado que temos en funcionamento distintos plans de formación paralelos, independentes e inconexos entre si, uns xeneralistas, outros específicos, uns anuais e outros plurianuais, elaborados por distintas entidades (EGAP, AGASP, DXDM, etc.), con diferentes procedementos de solicitude e selección, recrutamento de persoal docente ou contratación de software de xestión; pero que en todos os casos son plans destinados ao persoal empregado público da Administración xeral da Xunta e, dentro deste, a servizos concretos como poden ser os SPIF. Nestes plans de formación danse uns mesmos denominadores comúns: a falla de negociación coa representación das persoas traballadoras; a ausencia dunha avaliación rigorosa dos resultados da formación precedente que guíe no bo camiño, incluído o bo camiño da igualdade entre mulleres e homes no acceso a ela; e a falla dun estudo sistemático previo das necesidades formativas que se tome como base para a elaboración de todos os plans.
- Plan de formación do SPIF 2025-2028 e procedementos de selección non negociados
O Plan de Formación do SPIF 2025-2028 e os distintos procedementos descritos no informe (como os relativos á ampliación da bolsa de persoal formador ou aspectos da selección de persoal destinatario dos cursos) remítensenos xa feitos, sen que puidésemos participar en ningunha etapa da súa elaboración nin opinar sobre as decisións ou criterios adoptados, motivo polo que lle esiximos á DXDM que sente a negociar connosco e que escoite a todo o persoal. Neste senso, lembrámoslle á DXDM que o persoal empregado público destinamos parte das nosas nóminas á formación, e que esta constitúe un dereito, non un agasallo.
- Dedocracia e amiguismo
No informe que nos foi remitido sobre as accións formativas non se fai ningunha referencia aos criterios de selección do persoal docente dos SPIF vixentes, nin á súa formación, retribucións económicas que perciben, réxime de compatibilidades, horarios nos que se imparte a formación, nin ningún outro dato sobre os que poidamos albiscar ou observar unha mínima transparencia. O que si parece certo é que o único criterio na escolla do persoal docente é a dedocracia e o amiguismo. Emprégase a formación das persoas empregadas públicas que conforman os SPIF como unha rede clientelar. Loxicamente, este xeito de proceder redunda nunha peor calidade da formación que se imparte ao persoal do dispositivo. Tamén é certo que recoñecemos grandes pasos e esforzos realizados nos últimos anos no eido da formación, pero na Consellaría do Medio Rural deben facer unha reflexión sobre que o verdadeiramente importante na formación é a calidade e non a cantidade. Na CIG estamos a recibir queixas e críticas sobre a calidade de moitos dos cursos de formación que se imparten.
- Apertura da formación dos SPIF a axentes facultativas/os medio ambientais e de enxeñaría forestal
Tamén poñemos de manifesto nas nosas alegacións que existen escalas que conforman os SPIF, como son as escalas das e dos axentes facultativas/os medio ambientais e de enxeñaría forestal, que desenvolven as súas actividades profesionais noutras consellarías e axencias, e que tamén poden desenvolver a súa actividade nos SPIF mediante as formas de provisión de postos de traballo estipulados na lexislación do persoal empregado público. Por iso, consideramos preciso abrir a formación dos SPIF a todas as persoas que poidan acceder a este servizo, segundo aparece reflectido nas RPTs de Medio Rural.
- Igualdade de oportunidades no acceso á formación
Dende a CIG estaremos vixiantes cara á formación exclusiva que se imparte a pequenos grupos de empregadas e empregados dos SPIF para logo empregar esta formación como requisito indispensábel para acceder a determinados postos de traballo, como aconteceu coa creación das UIFOs, e que xerou moito desacougo entre as persoas funcionarias da escala de axentes facultativos/as ambientais. Neste mesmo aspecto, manifestamos a nosa queixa e malestar pola formación que se lle impartiu aos/ás xefes/as de distrito de maneira exclusiva, xa que, como sabemos, son postos de traballo cuxa maneira de provisión, segundo a RPT, é mediante concurso específico. Ante unha próxima convocatoria destes postos de traballo, opoñémonos a que se pidan como requisitos a formación ou calquera outra cuestión que só recibiron algunhas persoas empregadas públicas sen darlle oportunidades ao resto do persoal.
Interésanos coñecer a túa opinión. Se queres facernos chegar algunha información, consulta ou suxestión sobre a formación dos SPIF, contacta coa CIG-Autonómica.
