- Detalles
“Analizando, valorando, esperando”. Estas son as expresións máis utilizadas pola directora xeral de Emprego Público (DXEP, antiga Función Pública), en resposta a case todas as preguntas que lle fixemos tanto a CIG como as outras organizacións sindicais (CCOO, CSIF e UGT) na Comisión de Persoal do xoves 19 de setembro. Por dicir algo.
CONCURSOS DE TRASLADOS
Na anterior Mesa Xeral, a DXEP deu información só dalgúns concursos, pero tan xustiña que saímos como entramos. Así que a CIG repreguntou: “queremos saber o estado de TODOS os concursos XA CONVOCADOS, así como as datas previstas para a publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas/excluídas, a eleición de postos e a toma de posesión. E de TODOS os concursos aínda NON CONVOCADOS, cando teñen pensado comezar as negociacións e cando a convocatoria”.
A resposta da DXEP foi simple: que se remitía á información que dera na anterior Mesa Xeral e que dos concursos non convocados estaban pendentes da RPT do consorcio. Punto final.
Pode ser que non teña a informacion, ben porque non existe, ben porque non lla facilitaron, ben porque non a lembre. E pode ser que si teña a información e non lle dea a gana facillitárnola por vergoña de como van as cousas. Pero en todos os casos, NON DIXO NADA.
Pois haberá que ser pesados e insistir e insistir, a ver se conseguimos que se poñan as pilas.
PROCESOS DE ESTABILIZACIÓN
A Lei 20/21 marca a data do 31/12/2024 como aquela en que os procesos tiñan que estar rematados. Preguntamos pola previsión que teñen de remate, e como vai ser o destino. Aquí si se mollou algo máis: di que o 31/12/2024 é a data prevista de finalización, e os destinos van ser provisionais.
Preguntamos tamén polos criterios que seguirían para os casos en que haxa unha persoa que supere dous procesos de estabilización (xunta e entes). A resposta da DXFP limitouse a dicir que cando estivesen rematados ou a piques de rematar os procesos, entón analizarían os casos. Punto.
RESTO DE PROCESOS SELECTIVOS
Respecto da escala de auxiliar de clínica (OEP-2021), publicaron o listado de persoas aprobadas o 10/05/24. Di que están a analizar os postos para a futura eleición de destino.
Para enxeñaría de montes e enxeñaría técnica forestal, que xa se sabe quen superou o proceso e levan un ano agardando pola eleición de destino, volve a dicir o que xa dixera antes do verán: están analizando as prazas para a eleición de destino.
FUNCIONARIZACIÓN
Na orde do día da Comisión de Persoal ían dous puntos de modificacións da RPT por funcionarización, un ao corpo administrativo-C1 por execución dunha sentenza, e outro aos corpos superior-A1 e auxiliar-C2. Concordamos coa necesidade de executar as sentenzas, pero manifestamos que abondan outras sentenzas (por exemplo, persoal de cociña ou categoría III-99), que non executan porque non queren. A Xunta non pode escoller que sentenzas executa e cales non, teñen que facelo en todos os casos.
En todo caso, por coherencia coa nosa postura sobre as formas en que levaron adiante a funcionarización do persoal laboral fixo e dos postos de persoal laboral na RPT, a CIG votou en contra dos dous puntos. CCOO e UGT votaron a favor dos dous. CSIF votou a favor dun e en contra doutro.
OUTROS ASUNTOS
Contratación de persoal investigador: din que hai unhas instrucións conxuntas das direccións xerais competentes en materia de persoal (simplificación, emprego público e orzamentos), cos criterios aos que se teñen que axustar os entes do art. 45.b da Lofaxga, e que están a chegar contratacións que van ir para a sinatura dos directores/as de inmediato. Aseguran que están a tramitar a contratación temporal nas fundacións e non saben doutros atrancos.
Adscrición temporal a prazas de persoal funcionario de escalas pendentes de funcionarizar: a DXEP menciona o caso da escala de aux. de coidador, co persoal pendente de funcionarizar pero cos postos xa funcionarizados en RPT. Di que están a prorrogar escepcionalmente ata que sexa a funcionarización, as adscricións temporais do persoal laboral fixo que actualmente ocupa as prazas en adscrición temporal.
- Detalles
A denuncia da CIG de NON cobertura dunha axudante de cociña na Escola Infantil de Vite, mobilizou a diverso persoal de confianza do Gabinete da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que procederon a retirar os cartaces de denuncia colocados por membros da CIG nos taboleiros de anuncios de San Caetano. Tamén o retiraron de mobiliario que se utiliza habitualmente para dar a coñecer as demandas sindicais, e que ata o día de hoxe nunca pasara tal cousa, de que persoal de confianza do gabinete dunha conselleira, adicárase a ir polos corredores de San Caetano rompendo e retirando cartaces sindicais para botalos nas papeleiras.
O acto cometido onte e hoxe en San Caetano de retirar cartaces sindicais, sin autorización dos membros da CIG, supón unha discriminación sindical, que limita o dereito de acción sindical sen xustificación algunha razoable e obxectiva que puidera amparar tal proceder. Mais ben a acción de hoxe responde a intentar calar e tapar a denuncia da sección sindical da CIG en Política Social de que mentres por unha banda non se contrata a unha axudante de cociña para suplir unha baixa na Escola Infantil de Vite, pola outra se nomea a dedo e dunha forma escurantista á prima do Presidente do PP.
O obxectivo destes cartaces (DOS QUE SE XUNTAN ALGUNHA FOTOS DOS LUGARES DE REPARTO EN SAN CAETANO) é simplemente dar a coñecer a forma de actuar da conselleira Fabiola García cando se trata de escoller entre manter os servizos públicos ou optar polo enchufismo e o nepotismo.
A CIG solicitante a Fabiola García que identifique que alto cargo de Política Social, si non foi ela mesma, deu orde ao persoal do gabinete de confianza para que abandonasen os seus postos de traballo e se adicasen a recorrer todo San Caetano retirando e rompendo os cartaces da CIG de “CUBRIR UN AXUDANTE DE COCIÑA NON. CONTRATAR A DEDO DE SUBDIRECTORA Á PRIMA DE FEIJOO: SI.”
Resulta inxustificable que o gabinete de confianza mais inflado de toda a Xunta de Galiza composto por 3 secretarias, 1 secretario, 2 condutores, 1 xefe de gabinete, 1 asesora parlamentar, 2 asesoras e 2 asesores sin especificar que funcións asesoran e 1 xefe de prensa, reciban a orden de buscar e retirar uns simples cartaces de denuncia sindical.
Mentres o persoal de cociña de Vite a pesar da non cobertura da traballadora de baixa vai seguir prestando os seus servizos, como un dos centros que ofrece a alimentación de mais calidade de Santiago de Compostela e a máis comprometida coas produtoras locais.
Tamén se lle manda copia do relato destes feitos ao Presidente da Xunta de Galiza, solicitándolle o seu amparo e intervención neste conflito.


- Detalles
No DOG do 19/09/2024 publican dúas resolucións coa baremación provisional do concurso de méritos de varias escalas do subgrupo C2 e categorías do grupo IV:
Baremación provisional do concurso de méritos dos corpos, escalas e especialidades do subgrupo C2 que se relacionan:
- Escala de persoal de servizos xerais (PSX)
- Escala de auxiliares de clínica
- Escala de xerocultor/a
- Escala auxiliar do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais. Especialidade bombeiro/a forestal
- Escala auxiliar de cociña
- Escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos. Especialidade arquivos e bibliotecas
Baremación provisional do concurso de méritos da categoría profesional de persoal laboral da Xunta de Galiza do grupo IV que se relacionan:
- Cat. 33. Condutor/a de autobomba defensa contra incendios forestais
As persoas baremadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. (Ata o 03/10/2024)
As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos». Para isto, a persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución no cal desexa formular reclamación, na epígrafe «Que podo facer?», «presentación alegacións baremo».
- Detalles
Mesa Sectorial de Funcionarias e a Mesa Xeral do 13/09/2024 polo miúdo
Na Mesa Xeral e na Mesa Sectorial de Funcionarios/as do 13/09/24, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) deu as seguintes informacións:
- Retirada da conciliación a un laboral funcionarizado de incendios (Consellaría do Medio Rural): o traballador conseguira a conciliación por sentenza xudicial e retiróuselle a flexibilidade unha vez funcionarizado. Alegan para facelo o cambio de vínculo. Dende a CIG esiximos explicacións sobre se é esta a pauta que se vai tomar. Pretenden mandar ao xulgado outra vez ao persoal que conseguiu a conciliación vía sentenza sendo laborais, coa excusa de que agora son persoal funcionario? Pedimos que investiguen este asunto e dean as pautas e ordes axeitadas ás consellarías. A DXEP responde que van estudar cantos casos hai.
- Concurso de traslados de maio (corpos xerais): está pendente de publicar a lista provisional de admitidos/as e excluidos/as, e de abrir o prazo para a acreditación de méritos e selección de postos. Non teñen cronograma. Van ver se na seguinte xuntanza dan máis información.
- Concursos de traslados das escalas sociais: están traballando na RPT do Consorcio, teñen que rematar os procesos de estabilización e todo iría despois.
- Concurso específico: están analizando as prazas que en RPT teñen esa forma de provisión para ver a posible convocatoria. Para poñelo en marcha as consellarías alegan que depende da DXEP, e esta di que son as consellarías as que teñen que convocar, pero Emprego Público ten tamén que dar uns pasos. Nin desmenten nin confirman o rumor de que hai un borrador circulando pola Xunta. Dende a CIG pedimos que lles dean ordes ás consellarías para poñelo a funcionar.
- Concurso de veterinarias: están resolvendo os procesos de estabilización e dous procesos selectivos convocados. Isto está relacionado coas modificacións da RPT de Sanidade, estanse tramitando, non teñen aínda os borradores para a negociación.
- Carreira profesional: segundo o acordo asinado con CCOO-UGT, a negociación do grao III é no segundo semestre de 2024, así que están dentro dese semestre e a tempo de iniciar as negociacións. Non aclaran nada da carreira ordinaria nin da posibilidade de negociar o acceso extraordinario ao grao IV (vai haber moitas xubilacións e non van poder ter opción de acceder a este grao). Tampouco aclaran nada da apertura de acceso permanente e aberto para pedir o grao (houbo xente que quedou fóra) e un prazo extraordinario para a xente que quedou fóra.
- Novas escalas de persoal funcionario: falaron dos concursos en marcha e dos que están sen convocar (veterinarias, etc.). Dende a CIG preguntamos para cando novas escalas de persoal funcionario. A DXEP analizará as necesidades de persoal e segundo iso procederán a incluír en OEP e logo convocar os procesos selectivos que correspondan. Tamén preguntamos para cando o concurso das categorías de persoal laboral que non se van funcionarizar, xa que non deberían ter moito problema para o concurso. A isto non contestan.
- Situación do persoal coidador, maiormente laboral: non poden optar en comisión de servizos a postos da súa escala funcionarizados. Para cando a funcionarización deste persoal, e as puntuacións de estabilización do concurso oposición do C2 e AP? Medio Rural di que ao persoal fixo si que se lles permite ir a un posto de funcionaria, non ao persoal temporal coidador nin interino.
- Baremos provisionais de enxeñaría de montes e enxeñaría técnica forestal: publicarán proximamente entre setembro-outubro todos eses baremos: os que quedan de C2 e AP; algúns de A1 e A2. No referido ás eleccións de destino deses procesos previos á Lei 20 de enxeñeiras: xa se publicaron en case todos os casos baremos provisionais, estanse a publicar definitivos (inclúen algunhas prazas de estabilización, pero prazas anteriores á Lei 20). A continuación sairían os aprobados. Toma de posesión de montes e forestais: falta a baremación, e cando saia o baremo definitivo, daríase a elección de destino.
- Fundacións sanitarias: a DXEP di que analizarán os contratos nas fundacións sanitarias e que non teñen constancia de que o persoal investigador sega sen estar contratado, e que haxa proxectos de investigación paralizados por isto.
- Servizo médico de Compostela: parece ser que só unha das 3 médicas pode emitir receitas, entre outros problemas. Din descoñecer a problemática, e van tentar analizar este asunto.
- Constitución de grupos de traballo e unidades de apoio para a execución de fondos europeos: non se sabe nada, pouca transparencia. Hai moito persoal interesado en traballar nestes grupos e non ten opción a facelo. Non houbo resposta da DXEP.
- LEPG e postos en propiedade: dende 2015 a todos/as os/as traballadores/as permíteselles ter só 1 posto en propiedade, pero aos postos de directivos -subdirectores/as- permíteselles ter 2 postos en propiedade, saltándose a norma máis xeral da función pública. O persoal directivo debe xogar ao mesmo nível que o resto do persoal da administración. Tiveron tempo para poder comezar a lexislar. A DXEP non contesta.
- Centros de política social (como Porta do Camiño): ao persoal esíxeselles a entrega do xustificante de asistencia médica polo Portax. Hai persoal de determinadas categorías que non teñen os coñecementos ou o acceso aos medios. A lei só establece que se faga preferentemente, pero a DXFP descarta que non se lles esixa a entrega alegando que a configuración do Portax require a presentación dun ficheiro.
- Detalles
Mesa Sectorial de Funcionarias do 13/09/2024 polo miúdo
A directora xeral de Emprego Público leva á Mesa Sectorial de Funcionarias (3/09/24) a destrución de 2 prazas de emprego público para crear 1 nova praza. En concreto, queren crear unha xefatura de sección de habilitación de nóminas (Área de persoal), con forma de provisión por concurso específico, para que AGACAL poida asumir a competencia de xestión de nóminas do seu persoal; e amortizar dúas xefaturas de sección con postos non ocupados que non son vacantes, pero cuxas persoas titulares están en comisión de servizo e consta no expediente a súa “conformidade”. A nova xerente deste ente, Laura Mezquíriz Miguel, indica que é urxente esta modificación polo ben do persoal de AGACAL, porque a persoa que está facéndose cargo das nóminas traballa ao 110% e ten un nível inferior ao que lle corresponde por estas funcións; mais ignorando por completo as necesidades do resto de persoal de AGACAL que tamén traballa a ese 110% ou ao 150%, e cuxas condicións laborais se negan a negociar dende hai máis de un ano.
Dende a CIG denunciamos frontalmente que non existiu ningunha negociación da RPT que se nos presenta, e opoñémonos a unhas amortizacións e destrución de emprego que en ningún momento se xustifican na memoria. Non entendemos que por 1.312 €/ano de diferenza se cometa o absurdo de amortizar un posto de nível 22.
Esta proposta de modificación da RPT de AGACAL remítenola en xuño de 2024 Laura Mezquíriz Miguel, daquela xefa do Departamento de Coordinación Administrativa de AGACAL, a agora xerente, alegando que xa fora negociada. Esiximos, pois, saber cando foi nomeada xerente a persoa que asina os escritos que se nos presentan, e quen alega a existencia dunha “resolución de suplencia”; así como se dispón de capacidade negociadora. A resolución do nomeamento como xerente de AGACAL solicitámola formalmente por escrito en xuño de 2024, e tivemos a calada por resposta. Nin a directora xeral de Emprego Público nin a propia xerente de ACAGAL responderon a esta cuestión durante esta mesa sectorial.
Reiteramos, tamén, nesta xuntanza, a solicitude feita en xuño de 2024 de que Laura Mezquíriz nos convoque formalmente ás mesas de negociación, dado que non nos respondeu en todo este tempo, e sempre no caso de ter validez o seu nomeamento como xerente. Non hai excusas para atrasar as negociacións. En agosto, xa que a xerente non se pronuncia, propuxémoslle esta mesma solicitude ao director de AGACAL, quen tampouco responde.
Á nova xerente de AGACAL ocórreselle dicirnos que esta proposta non é a concretamente negociada, pero que, segundo as súas palabras, as razóns de urxencia, emerxencia e paralización en AGACAL levárona a ter esta inicitativa, consensuada co director xeral de AGACAL, por cuestións de dereitos dos e das traballadores/as de non ter prexuízos nas nóminas ao non facerse cargo ninguén delas, e polo prexuízo que se lle está ocasionando a unha persoa que se fai cargo das nóminas do persoal dunha axencia, de quen di que ten que ter o nível e a sección de habilitación que se propón.
Na CIG non dubidamos de que a persoa que fai o traballo de nóminas na AGACAL traballa ao 110%, nin de que sexa un traballo moi importante que afecta a máis de 350 traballadores e traballadoras, pero temos moitas outras persoas tamén traballando ao 110% ou incluso ao 150%, que están tamén pendentes de que se resolvan os seus problemas nesas negociacións, e o trato que se lles dá non é con esa mesma urxencia e emerxencia.
Por todo isto, esiximos a Emprego Público e a AGACAL que devolvan a RPT presentada ao ente para poder ser negociada entre este e as organizacións sindicais, e se proceda, posteriormente, a traela novamente a esta Mesa Sectorial de Funcionarias.
- Detalles
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal, que será o xoves 19 de setembro, coa seguinte Orde do día:
- Detalles
Utilizan en fraude de lei a figura da comisión de servizos, que a lei establece como excepcional, para que non tivera publicidade a través do DOG.
Cando se soubo que Eloína Núñez pasou a desempeñar o posto de subdirectora xeral houbo quen pensou que o seu nomeamento se publicaría no DOG despois de convocar o posto polo procedemento de libre designación.
Pero isto implicaría darlle publicidade ao proceso, a concorrencia de máis persoas funcionarias e que cando se resolvera saíra á luz que a curmá de Feijóo era a agraciada.
Para evitar iso dende a Xunta deberon pensar que canto menos público fora o asunto mellor, dado o historial de nepotismo de Feijoo, e tamén porque a xestión de Eloína Núñez ten mácula ao ser a Ayuso galega, a persoa que deseñou o protocolo para impedir que os nosos maiores nas residencias puidesen acudir aos hospitais durante a pandemia de Covid-19.
Por iso decidiron colocala pola porta de atrás. Convocaron o posto en comisión de servizos o día 12 de xullo e o día 14 de agosto concedéronlla. Este dato a Xunta non o quere facer público.
Esta chafallada e falta de transparencia, onde ademais se nos nega poder coñecer quen e cantas persoas optaron a esa comisión de servizos e os criterios polo que seleccionaron a Eloína e non a outra persoa funcionaria, denota o nerviosismo da Xunta do PP: obrigados a pagar favores, a colocar a amiguetes, pero ao tempo tendo que facelo de xeito discreto e sen testemuñas, como se de cometer un delito se tratase.
Utilizar a figura da comisión de servizos é un FRAUDE DE LEI, porque é un instrumento destinado á cobertura dos postos de xeito excepcional. Non poden alegar tampouco motivos de urxencia, porque dende que se ofreceu en comisión de servizos o 12 de xullo ata que lla concederon o 14 de agosto pasou máis dun mes.
Enchufar e tapar son verbos que conxuga á perfección o Partido Popular.
- Detalles
A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos e da Mesa Sectorial de Persoal Funcionario, que serán o venres 13 de setembro, coa seguinte Orde do día:
Para a MSF:
- RPT de AGACAL. Descargar (comentar que a anterior xuntanza foi en SETEMBRO DO 2023)
Para a MX
- RPT de funcionarización de postos clasificados de persoal laboral que pasarán ao corpo administrativo-C1. (engadiremos a documentación en canto a recibamos)
- RPT de funcionarización de postos clasificados de persoal laboral que pasarán aos corpos superior-A1 e corpo auxiliar-C2. Descargar
- Detalles
O protocolo deseñado pola ex xerente do SERGAS non permitía atender de Covid-19 aos enfermos procedentes das residencias.
A CIG-Autonómica, que representa ás persoas traballadoras da Consellería de Política Social e Igualdade, critica, denuncia e pide o cesamento da ex xerente do Sergas que non foi capaz durante a pandemia de protexer e coidar aos maiores e agora noméaselle subdirectora coa encomenda de velar polo benestar dos anciáns.
Algo incongruente e por tanto esiximos a inmediata dimisión. O malestar entre o persoal que traballa nas distintas unidades da consellería, residencias, centros de maiores, centros de día, Consorcio da Igualdade e Benestar, axuda a domicilio, etc e notorio, polo que non se descartan mobilizacións.
- Detalles
O modelo de funcionarización aprobado pola Xunta ven de provocar unha vez máis situacións de agravio, inxustiza e malestar.
Realizar unha funcionarización dunha categoría (creando unha escala de persoal funcionario) e os postos da mesma SEN FUNCIONARIZAR AO PERSOAL da lugar a que o persoal laboral fixo quede relegado ao perder dereitos de mobilidade.
Isto vese agravado aínda máis no caso das persoas que aprobaron a ultima oposición de acceso libre aos que se lles ofrecen tan só os mesmos postos que o número de aprobados, habendo máis prazas vacantes puras non ocupadas por ningún persoal.
Estas prazas vacantes QUEDARON DESERTAS ao ter que voltar ao seu posto de orixe o persoal temporal que estaba en adscrición temporal ou superior categoría.
O resultado de todo iso é que persoas que veñen de aprobar un proceso selectivo foron destinadas lonxe do seu domicilio HABENDO PRAZAS vacantes incluso na mesma localidade.
Alterar a orde de prelación de dereitos á hora da escolla de prazas vacantes crea esta aberración. Dende a CIG esiximos que muden os criterios e que todas as prazas vacantes puras se oferten en comisión de servizos.
