Novas por contido

O día 2 de maio os axentes sociais mantivemos unha reunión con representantes da Función Pública polo mal chamado Fondo de Acción Social (FAS), xa que del só queda unha única axuda: axuda para atención de persoas con discapacidade. Mantén suprimidas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como eran a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

Todos estes recortes no FAS comenzaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes. No cadro que vai deseguido vese a diferenza do FAS do ano 2010 comparado có actual.

 FONDO DE ACCIÓN SOCIAL 2010 (€) 2023 (€)
 CONTÍA GLOBAL  9.136.392  2.000.000 
CONTÍAS MÍNIMAS POR MODALIDADES
 ATENCIÓN Á DISCAPACIDADE 1.300 2.160
 XUBILACIÓN 3.500 0
 FILLOS/AS MENORES 150 0
 ESTUDOS DE FILLOS/AS 90 0
 ESTUDOS DO PERSOAL DA XUNTA 200 0
 ADQUISICIÓN DE VIVENDA 1.532 0
 MAIORES A CARGO 200 0
 GASTOS SANITARIOS (TRATAMENTOS, PRÓTESES) 60 0
 GASTOS SANITARIOS (PRODUTOS ALIMENTARIOS) 60 0

Nesta proposta que nos presenta a Xunta de Rueda, a única novidade con respecto o anterior FAS é o aumento do nivel das rendas anuais das persoas causantes, que se incrementa dende o límite dos 13.300 a 14.000 €. A cantidade desta axuda fica en 2.160 € por causante, exactamente igual que nos anos 2020, 2021 e 2022, así que non se actualizou nen tan sequera ao IPC destes tres derradeiros anos.

Dende a CIG observamos que o texto recibido non emprega unha linguaxe neutra, inclusiva e respectuosa, se non unha linguaxe sexista, contravindo a normativa de xénero. A LO 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, establece a implantación dunha linguaxe non sexista no eido administrativo e o seu fomento na totalidade das relacións sociais, culturais e artísticas como un dos criterios que deben guiar a actuación dos poderes públicos, por iso solicitamos unha revisión do texto enviado.

A CIG insiste nas alegacións presentadas en anos anteriores, e que se resumen en:

  • Incrementar o importe actual como mínimo conforme o Índice de Prezos ó Consumo (IPC) dos derradeiros 3 anos, para esta axuda.

  • Recuperación de todas as modalidades de axudas do FAS que tiñamos antes dos recortes, e aumentalos progresivamente.

  • Recuperación dos importes subtraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.

  • Compatibilizar as axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.

  • Que todas as axudas que se concedan sexa proporcional o nivel de renda das familias.

  • Que esta axuda se meta en nómina tamén no persoal funcionario, co mesmo sistema de petición que ten o persoal laboral. De non facerse así supón un agravio para o persoal funcionario público que ten que facer a petición cada ano e entregar a documentación xustificativa e cobrala con máis de un ano de atraso, xa que este ano 2024 estamos falando da axuda do ano 2023 que se comenzaría a cobrar en nómina en xaneiro dese ano. Este punto dende a Dirección Xeral de Función Pública, prometeran no pasado exercicio que ia a ser deste xeito, o cal aínda estamos a espera. Dende a CIG instamos a que se faga XA.

  • Os prazos para solicitar o FAS non deben coincidir en ningún caso co mes de agosto. Se non se aceptan as demandas de modificación total do documento, e a apertura dunha negociación para a recuperación dos nosos dereitos, a publicación desta axuda debe facerse canto antes para así podernos garantir o pagamento dentro do presente ano. Se non hai modificacións desta axuda que nos digan cando se prevé publicala no DOG.

  • Temos nesta Administración Autonómica, persoas que, por pertencer a Muface, ou a outras administracións, teñen dereito a mellores axudas do FAS. A CIG solicita que todo o persoal teña as mesmas axudas do FAS, nas mellores condicións posíbeis.

Resposta da administración:

  • Intentarán publicar esta axuda neste mes de maio, vai ir o vindeiro Consello da Xunta e logo ao DOG.

  • O tema de cobrar mensualmente din que o transmitiran e que teñen un plan para que cada consellería tramite esta axuda. Non dan datas.

  • O de modificar o FAS e recuperar como mínimo as axudas anteriores, din que o transmitiran os órganos de esta administracións competentes e con capacidade para facelo. De momento son lentellas, si non as queres as deixas, como diría un presidente do PP de todos os puntos que lle propuxemos “desto ya tal”.

No DOG do 03/05/2024 publican a RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos, correspondente ao ano 2023, das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Publican a actualización provisional de méritos, relativos ao ano 2023, dos integrantes das listas elaboradas para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e para a contratación temporal de persoal laboral, que figuran nos anexos I e II.

As puntuacións totais das persoas integrantes das listas para o nomeamento de funcionarios/as interinos/as (anexo I) e a dos integrantes das listas para a contratación temporal de persoal laboral (anexo II) poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de ​​<Listas de contratación>.

As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

Representantes da CIG-Autonómica acudimos o martes 30 de abril a unha xuntanza de cortesía convocada pola nova directora xeral de Función Pública (DXFP), que agora pasa a chamarse Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (en diante, DXEP). Na xuntanza estaban presentes a nova DXEP, Nuria Aguilar Vázquez, e o anterior DXFP, José María Barreiro. 

A xuntanza non durou moito. Foron unhas palabras de presentación da nova directora quen manifestou as súas intencións de traballo futuro.

A CIG aproveitou para poñer enriba da mesa unha serie de asuntos que, ao noso ver, deben resolverse. Entre outros, mencionamos:

Concursos de traslados: convocar xa os concursos de traslados para todo o persoal. E marcarnos como obxectivo o concurso anual, paso previo para o que debe ser o futuro concurso permanente.

Concursos específicos: non poden seguir ocupando en comisión de servizos dende o ano 2015 máis de 800 postos que teñen a cobertura mediante concurso específico. Defendemos a súa cobertura mediante concurso ordinario, pero se non os modifican, teñen que cubrilos regulamentariamente xa.

Procesos selectivos (e promoción interna): queremos a súa resolución en prazos adecuados, áxiles. A promoción interna non poden ser procesos cun nivel de esixencia igual ou superior aos de acceso libre. Hai que modificar o modelo.

Externalizacións do emprego público: rexeitamos a externalización dos servizos públicos. Incluímos aquí ao uso de bolseiros/as que son empregados como man de obra barata en moitos casos (bibliotecas, oficinas de turismo, consumo, etc.).

Comisións de servizo: queremos que se regulen, teñen que deixar de ser arbitrarias.

Xornada de 35 horas: esa ten que ser a xornada máxima ordinaria. E a partir de aí, discutir xornadas inferiores.

Acordo regulador das condicións de traballo: temos que acadar un acordo global das condicións de traballo, para todo o persoal, funcionario e laboral. E os acordos específicos de colectivos que requiren atención, como centros de ensino, xubilación anticipada para determinados colectivos, ou a ampliación do tempo traballado do persoal de incendios.

Fondo de Acción Social: queremos superar os recortes da Lei de medidas do ano 2012. Hai que recuperar as modalidades eliminadas, e os importes substraidos, paso previo á consecución do antigo obxectivo do 1% da masa salarial.

Retribucións: subir os niveis a partir dos mínimos, trienios iguais para todos os grupos, carreira profesional sen chantaxes, e recuperar o que nos roubaron nos últimos anos.

Para rematar, deixamos á nova DXEP un documento máis extenso coas nosas reivindicacións para os vindeiros anos máis polo miudo.

A CIG denunciou diante da autoridade laboral ao Consorcio por non atender ás necesidades do seu persoal para corrixir a situación de risco laboral.

Os riscos psicosociais que sofre o cadro de persoal do Consorcio tanto nos servizos centrais coma nos periféricos son moi elevados.

Dos items analizados, dous deles están intimamente relacionados coa falta de resposta e comunicación dos centros co departamento de persoal (Demandas psicolóxicas -DP- moi elevado e Relacións e apoio social -RAS- moi elevado)

Os problemas de resposta, por mor da falta de persoal, seguen case a ser os mesmos e, ademais, engádense os derivados dos procesos de estabilización de emprego que precisan o tratamento de moita documentación para acreditar os méritos de cada participante. Tamén a integración do persoal do Consorcio na Xunta e a solicitude do complemento de desempeño.

A CIG denuncia

Entre os prexuízos que se lle causan a todos os cadros de persoal dos servizos periféricos están entre outros, os seguintes:

  • Non se lle envían os contratos de traballo asinados nun prazo razoable (ás veces non chegan nunca) Isto impide, con frecuencia, que non se poidan xestionar empréstitos bancarios ou hipotecas, compras aprazadas, etc.
  • Non se fan a tempo os certificados de empresa que se precisan para cobrar a prestación por desemprego, tramitar unha suspensión de contrato por risco para embarazo, etc. que impiden recibir a prestación económica a tempo para afrontar os gastos correntes.
  • Non se expiden os documentos que se solicitan para tramitación de axudas, subvencións, etc., que teñen un prazo determinado de solicitude, polo que estamos abocadas a perder a oportunidade.
  • Non se é áxil na xestión das coberturas con persoal substituto ante as distintas casuísticas (IT, permisos, licenzas), nomeadamente á cobertura das reducións de xornada por conciliación. Ademais, estas listas de substitución non son transparentes e non cumpren a máis mínima garantía constitucional.
  • Non se dá resposta en tempo e forma ás solicitudes do persoal. As resolucións para estimar ou desestimar estas solicitudes (concrecións e reducións por garda legal, flexibilizacións, permutas...) demóranse, en ocasións, meses.
  • Por mor do estrés laboral, entre outras posibles causas, prodúcense erros na contratación, nas nóminas e noutros asuntos relacionados coa xestión de persoal
  • Non é posible a comunicación das traballadoras e traballadores e as delegadas e delegados de persoal co departamento de persoal.

A CIG solicita

  • Que se inste ao Consorcio a que corrixan todas as irregularidades que se están a dar e que se dote ao departamento de persoal dos medios humanos e materiais que se precisen.
  • Que se estableza unha canle de comunicación fluída co departamento de persoal e se dea a resposta que se solicita nun prazo razoable.

 

Traballo digno, pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo

Precarización das condicións laborais e de vida

A situación ds altos prezos da cesta da compra e a baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións, o aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e o medre da poboación en risco de pobreza e de exclusión social fan que exista unha precarización das condicións laborais e de vida. Unha situación que provocou a reforma laboral, vixente desde ha xa 2 anos, que nin xerou dereitos, nin derrogou as graves e regresivas reformas laborais do 2012.

Aumentaron un 125,1% os contratos fixos-descontinuos desde 2021; medraron as xornadas parciais, que pasaron de ser o 19,8% en 2021 a representar o 23,9% en 2023 e que teñen maioritariamente mulleres (o 75,5%) ou que o 42,5% dos contratos temporais duraron menos dunha semana no 2023.

O obxectivo prioritario da CIG é a mellora da capacidade adquisitiva dos salarios e combater a pobreza porque o 33,6% dos e das asalariadas non acadaron uns ingresos equivalentes ao SMI e o 59,3% das persoas que percibiron ingresos procedentes do traballo non acadou os ingresos medios de Galiza, é dicir, estes son inferiores aos 21.999 €, o que amosa as grandes fendas existentes.

Os responsables desta situación son as políticas laborais do Goberno español e o diálogo social que agora camiña no intento de impoñer novos recortes, entre os que está a privatización da sanidade pública, impulsando o abuso das Mutuas.

Políticas coas que concorda o PP en Galiza que, tras renovar a súa maioría absoluta as aplicará, xunto con todas aquelas que reforcen a dependencia económica e política de Galiza ao sistema español. Unha situación que supón a negación dun desenvolvemento galego propio para frear o aumento do empobrecemento das clases populares.

Un Goberno, o do PP, que está obsesionado coa privatización dos servizos públicos, entregado ás grandes empresas que veñen espoliar e explotar de forma colonial os nosos recursos naturais mentres avanza o avellentamento da poboación, a desertización social e industrial de moitas comarcas e a continua emigración por falta de emprego.

Non podemos permitir que, ante esta situación, impoñan a desmobilización para facilitar un endurecemento das políticas reaccionarias, antisociais e antigalegas que os diferentes gobernos e a UE pretenden seguir desenvolvendo como o veñen facendo desde hai anos e cómpre confrontarmos o roubo e saqueo que estamos a vivir; necesitamos que a solidariedade e unidade da clase traballadora e do pobo galego siga demostrando que pode con todo, que ten unha enorme capacidade de acción.

Pola paz, a soberanía dos pobos e contra o imperialismo

A CIG rexeita o gasto de 1.200 millóns de euros en armas aprobado polo Consello de Ministros e o apoio de Europa a Israel no seu xenocidio ao pobo palestino. Son o exemplo da crueldade do chamado Occidente civilizado e democrático, por negarse a recoñecer unhas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, que respecte, tamén nas propias fronteiras da UE, o dereito de autodeterminación dos pobos e nacións que a integran, para así liderar a construción dun mundo moi necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz.

Stop Precariedade, Traballo Digno

A CIG convoca 16 manifestacións en cidades e vilas do país. Mobilizacións que serán as primeiras en Primeiro de Maio tras do sindicato revalidar a súa condición de primeira forza

A Coruña- 12:00 h desde a Praza de Vigo

Cee- 12:00 h Praza de Otero Lastres

Santiago- 12:00 h desde a Praza Roxa

Ribeira- 12:00 h Praza do Peixe

Ferrol- 12:00 h desde o Local sindical (Esteiro)

As Pontes- 12:00 h Praza do Carmen

Lugo- 12:00 h desde o Edificio Sindical (Rda da Muralla)

Ribadeo- 12:00 h Edificio Sindical (Av. de Galiza)

Ourense- 11.30 h desde a Praza Maior

Verín- 12:00 h. Praza do Concello

O Barco de Valdeorras- 12:00 h, diante do concello

Pontevedra- 11.30 h desde a Praza da Ferrería

Vilagarcía 11:30 h desde a Casa do Mar

A Estrada- 12:00 h Praza do Mercado

Vigo- 12:00 h desde A Dobrada

Cangas- 18:00 h Praza do Concello

O día 1 de maio entrarán en vigor os novos cuadrantes do persoal ao abeiro do novo acordo de condicións do SPIF.

Tralas reunións mantidas na comisión de seguimento deste acordo existen unha serie de cuestións que quedaron respostadas, mais non foron moitas. O luns haberá unha nova xuntanza para revisar só cuestións puntuais de aplicación.

E a todo isto, por se fora pouco, comentáronse novas cuestións que deixan constancia de que a estas alturas xa ninguén ten certeza de que as promesas electorais de Rueda se vaian a cumprir. Resulta que agora se nos recorda que o acordo está sen asinar e sen data prevista para a súa sinatura, e que ademais para este ano está orzamentada a ampliación do tempo de traballo a sete meses do persoal descontinuo, pero coas seguintes ampliacións anunciadas a oito e nove meses ……..que vai pasar?

A grandes rasgos a situación queda así:

  • Despois dun parón de meses, fíxose unha negociación a correr antes das eleccións autonómicas que deixou case todo aberto. E seguimos igual, cunhas carteleiras que pretenden instaurar en 24 horas e cunha chea de cuestións abertas e sen negociar (vacacións, nova organización das brigadas, etc).
  • Déixase fóra da aplicación ao persoal descontinuo, pero iso si, dende algún distrito xa se di que lle van mudar as súas carteleiras aprobadas a principios de ano, incluso os días L e H, para adaptar a aplicación do novo acordo. E que pasa coa discriminación e o caos organizativo que xera esta decisión?
  • Vaise pasar da quenda de noite á de mañán co descanso precario que sabemos que isto supón e a súa incidencia na alteración do sono e os biorritmos.
  • Haberá persoal que vai saír na quenda de tarde á 01 ou 02 da madrugada. É normal que en pleno inverno alguén chegue á súa casa saíndo da quenda de tarde a estas horas? A CIG opina que NON.
  • Non respetan o dereito á conciliación da vida laboral e familiar. Dá a sensación que este acordo é a excusa para prexudicar o dereito a atención de menores e persoas maiores ou dependentes.
  • Hai que convocar o Comité Intercentros XA. O 1 de maio vai comezar a implantación das desiguais condicións económicas e de descanso para o persoal que desenvolve o mesmo traballo.

Toda esta discriminación, caos e improvisación teñen que rematar xa. Dende a Consellería do Medio Rural deberían sentarse a reflexionar e corrixir as eivas sinaladas.

Se non o fan, con nós que non conten. Dende a CIG tentaremos canalizar o malestar das traballadoras e traballadores coma sempre fixemos.

No DOG do 26/04/2024 publican:

- RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral.

- RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de carreira administrativa para o persoal funcionario.

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria.

Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a Consellería do Medio Rural tan só 15 forman parte da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO). Esta unidade foi creada no ano 2021, logo de amortizar prazas e detraéndoas dun dispositivo xa escaso, para logo crear a unidade.

A pesar de que había un compromiso adquirido tras a vaga de lumes do ano 2017 de incluír 3 prazas de nova creación en cada distrito forestal, en total 57 prazas con dedicación exclusiva como axentes investigadores da UIFO isto non se cumpriu. Hoxe en día está sobradamente demostrado que a creación desta unidade especializada está dando os seus resultados.

Así mesmo demandamos que se cree e se dote de máis efectivos a Unidade de Directores de Extinción (UDEX), pois a día de hoxe non están creados os postos na RPT, e tan só conta con 6 especialistas en dirección de extinción, os cales novamente foron detraídos do persoal do dispositivo xunto coas súas prazas. Demandamos que se dote a unidade dun mínimo de 40 efectivos, con 10 prazas de nova creación por provincia, para poder cubrir todas as quendas de traballo necesarias e garantir deste xeito que o descanso dos traballadores non deixe eivas na efectividade e eficacia do seu traballo. Isto é importante, non só porque se incrementan os efectivos, se non porque ao ser de nova creación poderán saír no próximo concurso de traslados.

Está unidade dotada de suficientes efectivos é fundamental para poder facer fronte ás novas xeracións de incendios que están a sufrir os montes galegos nos últimos anos e que se comportan con maior velocidade de propagación e maior virulencia o que os fai moito máis perigosos para as persoas e bens materiais.

Mentres continúen as condicións meteorolóxicas adversas, actuaremos con responsabilidade posto que agora o que preocupa a todos é a protección das poboacións e a defensa do valioso patrimonio natural. Pero xa advertimos que en canto ás condicións melloren esixiremos unha reunión ca nova conselleira do Medio Rural para tratar estes temas e o mesmo tempo reclamar a posta en marcha de varios compromisos acadados dos que se destacan os seguintes:

1. Redacción do regulamento de funcións da nova escala de axente técnico en Xestión Ambiental. Tal como se comprometeu a Xunta de Galiza tras a sinatura de diversos acordos un no ano 2016 e no ano 2018.
2. Encadrar ás persoas traballadoras no grupo que por titulación lles corresponde, grupo B. No momento que se chegara o 40% de axentes que tiveran a titulación de acceso se convocaría un proceso para pasar o grupo B, cousa que non se fixo.
3. Revisar o acordo de condicións de traballo, pois a día de hoxe seguen incumprindo varios puntos, e nunca se chegou a poñer en marcha a comisión de seguimento deste.

A CIG sempre demostrou boa fe negocial, pero está claro que a outra parte NON CUMPRE. Os axentes ambientais son profesionais cun alto sentido da responsabilidade pola natureza do traballo que desempeñan, pero isto non vai impedir que de non atender ás nosas demandas de negociación teñamos que adoptar outras medidas de presión. Esperemos que a Xunta de Galiza escoite e cumpra.

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2.

169 deses postos serán incorporados ao buzón do concurso de traslados de corpos xerais.

Ao tempo, déronos traslado da seguinte información:

Procesos selectivos

  • Continúan co desenvolvemento dos procesos selectivos abertos tanto os ordinarios coma os da Lei 20/21.
  • Nos vindeiros días sairá a toma de posesión do C1 e do C2 ás prazas que xa nos remitiron ás OOSS.
  • As notas do segundo exercicio do A1 deberan saír no mes de xuño e as do A2 sairán antes do 15 de maio.
  • Destino definitivo ás persoas con discapacidade intelectual: é un tema sensible. Están traballando en que postos lles van ofertar. Nos vindeiros días sairán as notas dos procesos de auxiliar administrativo e agrupación profesional de discapacidade intelectual.

Concursos de traslados

  • No concurso de corpos xerais retirarán os postos do persoal non integrado de Augas de Galiza, a semellanza do que fixeron nos concursos de corpos especiais.
  • Están a traballar noutros concursos de traslados e pode ser que algún se publique neste ano, pero non concretan cal.
  • Todos os concursos pendentes estarán convocados e resoltos o ano que vén.
  • Seguen a traballar no obxectivo de ter concursos anuais.

Validación e baremación da estabilización

  • Están validando e baremando os procesos do A1-Grupo I e do A2-Grupo II e de seguido continuarán co resto.
  • Ao longo de maio sacarán o baremo provisional de 18 escalas do A1 e igual dalgunha escala máis.
  • Pretenden que todos os procesos de estabilización teñan a baremación provisional antes de agosto.
  • Nos procesos selectivos de poucas postos poderían ter unha elección de destino provisional rápida se hai as postos correspondentes e non salta ningún persoal interino ou temporal.

Tomas de posesión simultáneas dos concursos de traslados e dos procesos selectivos

  • Tentarán ter resoltos todos os concursos ou a gran maioría para que as tomas de posesión dos procesos selectivos sexan con carácter definitivo.

Consorcio

  • En breve convocarán a comisión de integración.
  • Están traballando na funcionarización do persoal laboral fixo de cara a que poidan participar no concurso de traslados de Política Social.

Funcionarización

  • As seguintes RPTs de funcionarización que virán proximamente son as dos grupos III e IV, que xa as teñen practicamente rematadas.

OEP 2024

  • Iniciarase a negociación despois do verán.

 

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior

Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais.

Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde laboral

Informa a Consellería que a formación en materia de seguridade para persoal que embarca, non está dispoñible para este curso nas escolas da Consellería, que se intentará na programación do próximo curso.
Propóñense varias alternativas de cursos específicos, mais axeitados ás necesidades reais en formación.
Lembrase a necesidade de renovar a formación en prevención dos riscos en laboratorio para as novas incorporacións e como reforzo.
Os delegados da CIG solicitan información sobre a realización de exercicios periódicos nas embarcacións de Gardacostas conforme a escrito da Subdirección Xeral.

• Exercicio contraincendios, mensual
• Home á auga, trimestral
• Vía de auga a bordo, mensual
• Abandono, trimestral

Os representantes de Gardacostas no comité responden que a frecuencia dos exercicios son recomendacións e que se instará a realización dos mesmos as xefaturas de unidade operativa para a súa realización, especialmente nos días de mal tempo que non se poida sair ó mar.

Punto 3. Avaliacións de riscos executadas

Dáse conta da realización da avaliación de riscos executada na base operativa de Gardacostas de Muxía, tras informe do xefe de unidade operativa e se comentan tódalas actuacións levadas a cabo para corrixir as deficiencias detectadas.
Infórmase por parte da Consellería do Mar da realización das avaliacións de postos de vixiante-mariñeiro, mecánico e patrón por parte do servizo de prevención no ano 2024 en base as reclamacións da CIG na última reunión.

Punto 4. Accidentes laborais en 2023. Seguimento

Dáse conta por parte da Consellería do Mar dos accidentes laborais do ano 2023 e o seu seguimento e da adopción de medidas correctoras nalgún caso.


Punto 5. Rogos e preguntas


Crema solar, viseiras, gafas de sol. Dende a CIG lembrámoslles que se debe facilitar as medidas de protección fronte a radiación solar recollidas na avaliación de riscos para traballos de campo.
• Tras solicitude da CIG de que a roupa de augas dos gardacostas sexa de cores chamativos e conteña elementos reflectantes, o subdirector manifesta que os chalecos salvavidas xa teñen elementos reflectantes e que en todo caso pódese poñer o chaleco antirefeflectante que se usa nos controis de estradas. Comprométense a estudar a proposta da CIG de que as cores estean axeitadas a normativa vixente.
• Fálase do Informe de Inspección de Traballo tras denuncia dun traballador no que o inspector fai una proposta de requirimento ó Servizo de Gardacostas para una actualización das avaliacións de riscos e plans de acción das embarcacións e do servizo.
A consellería presentará alegación a dito requirimento. Dende a CIG instamos a realización dunha proba de vibracións tras recibir numerosas queixas dos asentos das planeadoras do servizo. Din que consultarán co servizo de prevención.
• Solicitase que se leve a cabo a coordinación entre empresas en materia de prevención no IGAFA. Asi mesmo se pide que se dote do material axeitado para o persoal que realiza tarefas no exterior.

Outras novas recentes

Mércores, 10 Decembro 2025

Escalas sanitarias: negociación da OEP-2025 e convocatoria de procesos selectivos (5/12/2025)

No relativo ao persoal funcionario das escalas sanitarias (Lei 17/1989), o venres 5 de decembro asistimos a unha xuntanza convocada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade para tratar a súa proposta de Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2025 e a convocatoria do proceso selectivo das prazas pendentes das OEP 2022, 2023 e 2024. OEP-2025 Sanidade propón...
Xoves, 11 Decembro 2025

Comisión de seguimento – Servizo de Gardacostas (10/12/25)

Resumo da reunión da comisión de seguimento do Servizo de Gardacostas do 10 de decembro no que se tratou a proposta de modificación da Orde de horarios e as carteleiras do primeiro semestre de 2026:1. Proposta de carteleiras  Logo do estudo das carteleiras para o primeiro semestre de 2026 constatamos enormes diferenzas entre bases. Con igual salario, o número de quendas,...
Martes, 16 Decembro 2025

RPT CMACC (litoral) (para 18/12/25)

A Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático convocounos a unha xuntanza para o xoves 18 de decembro, para tratar a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo. En grandes liñas, a proposta ten por obxecto: Asumir os postos ocupados transferidos do Estado polo traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de...