Novas por contido

Para a Comisión de Persoal do día 08/05/2025 Función Pública pretende facer unha modificación de varios postos da RPT da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza consistente en incardinar postos existentes conforme ás escalas e especialidades dos corpos de persoal funcionario da Administración xeral e de Administración especial.

Tratase dunha modificación de 178 postos de traballo das seguintes consellerías e entes:

• Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
◦ Entidade Pública Empresarial Augas de Galiza
◦ Instituto de Estudos do Territorio
• Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
• Consellería de Política Social e Igualdade
• Consellería de Economía e Industria
◦ Axencia Galega de Industria Forestal
• Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
◦ Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
◦ Axencia Galega de Infraestruturas
• Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
• Consellería do Medio Rural
◦ Axencia Galega da Calidade Alimentaria

E tamén se abordará:

  • Proposta de modificación da RPT da Presidencia da Xunta de Galiza. Descargar.
  • Proposta de modificación da RPT de Sanidade-SERGAS. Descargar

Nas xuntanzas que mantivemos coa directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) o luns 5 de maio, trasladounos a seguinte información sobre os concursos de traslados:

  • Pendente de publicar en DOG (xa quedou aprobado en Comisión de Persoal) o concurso de arqueoloxía/restauración/delineantes/arquivos-bibliotecas-museos.

  • Pendente de negociar o concurso de persoal veterinario.

  • Pendente de negociar un concurso de laboratorio, mantemento, limpeza, cociña, recursos naturais ...

  • Pendente concursos de informática, finanzas, estatística, escalas de inspección.

  • Pendente concurso de persoal coidador (teñen a funcionarización pendente, con exame o 24/05/25).

Non da datas, nin do anterior nin dos que están en execución. O máximo é que serán “a maior brevidade”.

Ante a negativa unánime por parte das catro organizacións sindicais asinantes do acordo, remitirán en breve unha nova proposta na que quedaron en incluír as melloras organizativas.

O pasado día 05 de maio de 2025 fomos convocados pola Consellería e Sanidade para unha xuntanza na que abordamos a proposta de modificación do acordo para a ordenación e mellora da prestación de servizos veterinarios oficiais no ámbito da Xunta de Galiza.

As propostas de modificación realizadas pola Consellería de Sanidade pasan por:

- Cambio de momenclatura do posto que agora se denomina “persoal inspector veterinario de saúde pública de zona” por “inspector/a veterinario de saúde pública”

- Paso dunha distribución por comarcas a unha distribución por zonas argumentando que é mellor a nivel funcional e para o interese público. Din que isto responde á necesidade de adaptación do acordo despois de case dezaoito anos porque, aínda que recoñecen que funciona ben, ten pequenas eivas que tentan solventar con este acordo. Segundo indica a Consellería non vai supoñer unha distorsión do traballo actual debido a que:

  • A mellora das comunicacións por estrada e dos medios ao dispor do persoal permite unha maior e mellor mobilidade.
  • Manteranse os centros de traballo existentes e os tempos de desprazamento contarán como tempo de traballo.
  • Non haberá cambios no horario actual, maís aló das da redución dunha hora para as gardas de presenza localizada. 
  • Creación do posto “coordinador/a de matadoiro” para aqueles matadoiros grandes; ex. Frigolouro de O Porriño.
  • Creación do posto provincial “director/a técnico”


Ante a negativa das catro organizacións sindicais asinantes do acordo de subscribir estas modificacións o vicesecretario compromete ás seguintes actuacións:

1. Posibilidade dunha proposta na que se teña en conta a distinta especificidade dos postos do persoal veterinario que traballa nos matadoiros e o que traballa en Sanidade Pública

2. Establecemento de criterios para a cobertura das ausencias nos matadoiros, dentro da zona cando non poida tramitarse unha substitución (exemplo: asuntos persoais, conciliacións...), verbalizando criterios tales como voluntariedade, proximidade, e deixando por escrito que primeiro se procedería á súa cobertura a través das listas.

3. Compensación para o persoal veterinario dos matadoiros que traballe en datas de especial significado, 24 e/ou 31 decembro así como domingos e festivos

4. Convocatoria inmediata da mesa negociadora da RPT para plasmar as zonas e respectando, sempre, o lugar de traballo actual.

5. Convocatoria inmediata do concurso de traslados unha vez rematada a RPT

Na mesa xeral do día 05/05/2025, a CIG defendeu as alegacións ao Anteproxecto de Decreto polo que se regula o acceso e provisión de postos de traballo de persoas con discapacidade intelectual na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

Concordamos coa necesidade de regulación que se expresa no decreto, pero pensamos que esta podía ser a oportunidade de estender a regulación a outros tipos de discapacidade e non só á intelectual.

• No artigo 7 eliminan o punto 5 “A adaptación será aprobada e determinada mediante resolución do órgano directivo competente en materia de persoas con discapacidade”. Con este cambio e o anterior a avaliación da adaptación tanto do tempo como do espazo,etc.. pasa a ser unicamente avaliable por Función Pública cando antes era polo EVO e pola Dirección Xeral de persoas con discapacidade.

• No artigo 10 eliminan o segundo parágrafo “Dita condición deberá manterse ata que as persoas aspirantes adquiran a condición de persoal funcionario ou laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico”. Advertimos que existen casos de discapacidades intelectuais provisionais.

• Engaden unha Disposición adicional única. “Protocolo de acollemento:No prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto publicarase un Protocolo para o acollemento no ámbito do emprego público do persoal de novo ingreso con discapacidade intelectual.” Isto vén a recoller a nosa petición de acompañante, titor, formador pero déixano para un protocolo posterior. Insistimos en que debe ir recollido no decreto.

• Debe engadirse un artigo que estableza que os postos de discapacidade intelectual e que figurarán nas RPTs, non deben ser detraídos da RPT entre postos existentes, senón que se deben crear como postos novos suplementarios cunha condición especial en relación ao seu encadramento en distintas unidades co fin de asegurar que, pola natureza, funcións e proximidade á residencia das persoas que os poidan ocupar, se poidan adaptar a esa demanda. Hai que lembrar que unha vez convocado o concurso de traslados de administración xeral se eliminaron do mesmo postos de persoal subalterno para dar tomas de posesión a persoas con discapacidade intelectual en vez de mantelos e crear novos postos a maiores que é o que defendemos.

• Mantemos as alegacións presentadas e tratadas no consello asesor, basicamente en axustes do texto do tipo “poderá facerse” por “farase” e sinalamos que existen dúas diferenzas entre o texto que foi ao Consello Asesor e o que vai a esta Mesa en relación aos artigos 6.1 e 7.4.

Función Pública di que a análise das prazas faise cando a elección de destino, co cal non aceptan a creación de postos novos para o acceso e provisiión de persoas con discapacidade intelectual.

En relación á eliminación da cláusula coas indicacións do Consello Asesor, din que é unha condición que as persoas con discapacidade non ían perder. Dende a CIG confirmámoslle que si existen ditames provisionais de discapacidade.

No DOG do 05/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2025 pola que se modifica a Resolución do 24 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas do concurso para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de prevención e defensa contra incendios forestais.

A relación de persoas admitidas e excluídas publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galiza, https://www.xunta.gal/funcion-publica, na epígrafe de <concurso de traslados>. A listaxe de persoas solicitantes excluídas figura como anexo desta resolución.

As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para, de ser o caso, poder emendar o defecto que motivou a exclusión. O formulario de reclamación estará á disposición das persoas interesadas no portal web corporativo da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/xeracion-de-reclamacions e deberá cubrirse e presentarse electronicamente.

No DOG do 02/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, de mestres de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros e de axentes de extensión pesqueira.

Poderá participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza que se relacionan no anexo I sempre e cando transcorresen dous anos desde que accedese ao posto que veña desempeñando con carácter definitivo, agás que este se provese polo sistema de libre designación, caso en que non se exixirá permanencia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 90.2 da LEPG, para os efectos de poder participar neste concurso, o persoal funcionario de novo ingreso terá que acreditar en todo caso unha antigüidade mínima de dous anos desde o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

Ao persoal funcionario de carreira que accedese a un corpo/escala por promoción interna ou en virtude dun procedemento de integración e permanecese no posto de traballo que desempeñaba computaráselle o tempo de servizos prestados neste posto no corpo/escala de procedencia para os efectos do disposto no parágrafo anterior.

b) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que se relacionan no anexo I en situación de excedencia voluntaria por interese particular, despois de transcorrer o período mínimo de permanencia nesta situación.

c) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en calquera situación administrativa distinta das anteriores que permita a participación no concurso de traslados de acordo coa normativa aplicable.

Están obrigado/a a participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza obxecto desta convocatoria que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo, de acordo co disposto no artigo 97.5 e a disposición transitoria quinta da LEPG. Deberá solicitar todos os postos de acordo coa base VI.2.

b) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza obxecto desta convocatoria que se encontre adscrito por motivos de saúde ou rehabilitación a un posto de traballo en distinta localidade daquela en que teña o seu destino definitivo estará, en aplicación do disposto no artigo 89 da LEPG, obrigado a participar no concurso e deberá solicitar todos os postos adecuados ao seu corpo, escala e especialidade, situados na mesma localidade do posto a que figure adscrito provisionalmente.

A solicitude e, de ser o caso, a documentación adicional deberá presentarse electronicamente a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o día 16 de maio de 2025, incluído, e dirixirse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.

No DOG do 02/05/2025 publican a RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2025, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, pola que se modifica a baremación definitiva da fase de concurso e se fai pública a relación de persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o acceso a determinados corpos, escalas e especialidades.

Fan pública a relación de aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, nos corpos, escalas e especialidades do subgrupo C2 que se relacionan no anexo desta resolución:

Corpo auxiliar:

Corpo auxiliar da Administración xeral Escala de persoal de servizos xerais (PSX)

Corpo de auxiliares de carácter técnico:

Escala de xerocultor/a

Escala auxiliar de cociña

De conformidade co disposto na base V.2 da convocatoria e de acordo co informe do 9 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, sobre a aplicación aos procesos selectivos de estabilización da Lei 20/2021, da tramitación de urxencia, conforme o artigo 33.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para presentar os documentos previstos na devandita base, no caso de que non fosen presentados ou validados previamente.

Elevan as devanditas relacións de aspirantes á titular da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, para os efectos de que as persoas que figuran nela sexan propostas para o seu nomeamento como funcionarios/as de carreira.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal remitiu aos sindicatos o borrador da resolución pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso polas quendas de acceso libre e promoción interna, no corpo de axudantes de carácter facultativo da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala operativa do Servizo de Gardacostas, especialidades de patrón e mecánico. Descargar

Son 23 prazas da Oferta de Emprego Público do ano 2022, agrupadas do seguinte xeito:

  • Patrón: 10 prazas, das que 1 é para persoas con discapacidade e 3 para promoción interna
  • Mecánico: 13 prazas, das que 1 é para persoas con discapacidade e 4 para promoción interna

Se é do teu interese, contacta coa CIG.

A Administración da Xunta que segundo o PP "defende as familias", segue sen normalizar o permiso parental de 8 semanas, nin o retribúe nin o concede a todo o persoal que ten dereito.

O permiso parental de 8 semanas para o coidado de fillos e fillas menores de 8 anos foi introducido en xuño do 2023 no Estatuto Básico da Persoa Empregada Pública ante a obriga marcada pola Directiva (UE) 2019/1158.

Se ben polo de agora non é un permiso de ampla solicitude na nosa Administración, está claro que é un permiso moi necesario para a conciliación, no especial para o seu uso nas adaptacións e vacacións escolares. E por riba de todo, trátase dun permiso que garante a atención adecuada das crianzas achegando tranquilidade e capacidade de previsión aos pais e nais que traballan.

Denegacións do permiso parental

Aínda que este permiso está perfectamente articulado no artigo 49 g) do TREBEP e se recolle no PORTAX como un máis dos permisos, están a avisar compañeiras de que se lles denega con motivacións xenéricas como a falla de regulación, a dificultade de cobertura dunha determinada escala ou as necesidades do servizo que non xustifican.

E si, os permisos do persoal empregado público, como as vacacións ou os asuntos persoais, poden ser denegados puntualmente (pero non eliminados), polas necesidades de servizo debidamente xustificadas, sen que se poidan admitir denegacións xerais ou sistemáticas.

A denegación dos permisos de conciliación produce unha clara situación de abuso por parte da Administración xa que, ante a negativa, só queda a reclamación, e o recurso xudicial cun custo económico e temporal inasumible para a maioría. De que nos serve gañar no xulgado dentro duns anos se necesitamos agora o permiso para o coidado do noso fillo ou filla menor de 8 anos?

Si ou non retribuído?

O que non indica expresamente a normativa básica española é se o permiso parental de 8 semanas é retribuído ou non. A Xunta, no caso de autorizalo, non o retribúe.

Somos conscientes de que, aínda que a modificación do TREBEP está nun apartado onde o resto dos seus permisos SI son retribuídos, o Goberno non tiña esa intención inicialmente e leva atrasando o asunto demasiado tempo, pedíndolle prórrogas a Unión Europea e artellando agora unha modificación do TREBEP no Congreso para retribuílo so parcialmente no que, tanto Sumar como o PSOE, eméndanse a si mesmos e piden modificar o texto na tramitación parlamentaria, reducindo a retribución a catro semanas por fillo.

Os cumprimentos de directivas europeas non poden quedar nunha simple aparencia e que dous anos despois nos veñan con miudezas. Por outro lado, a Administración da Xunta de Galiza que tanto di defender as familias, tivo e ten a oportunidade de facelo, pero negouse a avanzar neste dereito. Non nos pareceu rara a resposta prepotente do daquelas director xeral de Función Pública na Mesa Xeral de Persoas Empregadas Públicas cando lle solicitamos que o incluíran na LEPG (e o pagaran) coa lei de medidas que acompañaba a lei de orzamentos do 2024, cando dixo con rotundidade que “non era retribuído e que así o persoal non o ía solicitar”.

E co tempo vemos que estaba errado e que cada vez hai máis solicitudes simplemente PORQUE É UN PERMISO NECESARIO para as familias.

A resposta xudicial

Hai sentenzas recentes que veñen a darlle a razón a persoal empregado público doutras administracións que demandaron para que se lles retribúa este permiso. O argumento fundamental do fallo é que as lexisladoras e os lexisladores tiñan que ter regulado o permiso no tempo establecido pola directiva, que era antes do 2 de agosto de 2022, e que as disposicións da Directiva (UE) 2019/1158, relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional das persoas proxenitoras e coidadoras, son incondicionais, suficientemente claras e precisas e atribúen dereitos aos traballadores e traballadoras. Porén, polo de agora os fallos non causan xurisprudencia, co que non poden ser ampliados ao resto do persoal empregado público e hai que ir a presentar recursos individuais.

A postura da CIG-Autonómica está clara: que o retribúan xa e que lle paguen de oficio ás persoas que dende o 2023 tiveron que solicitalo sen retribución e deixen de amolar. E “acabou o conto”.

Se tes problemas con este permiso, ponte en contacto coa CIG, avaliaremos xuntas a situación e defenderémoste.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocou aos sindicatos a dúas xuntanzas para o luns 5 de maio, para tratar os seguintes asuntos:

Para a Mesa Xeral de Empregados Públicos

  • Anteproxecto de Decreto polo que se regula o acceso e provisión de postos de traballo de persoas con discapacidade intelectual na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. Descargar

  • Proposta de modificación da relación de postos de traballo (RPT) da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde. Descargar

Para a Mesa Sectorial de Funcionarios Públicos

  • Proposta de modificación da RPT da Presidencia da Xunta de Galiza. Descargar

  • Proposta de modificación da RPT da Administración xeral e de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza. Descargar

Se é do teu interese, pode contactar coa CIG.

Outras novas recentes

Martes, 28 Xullo 2026

Asistencia a sinatura electrónica. Procesos selectivos agronómica, agrícola, obras públicas, informática e arquivos (CP 23/07/26)

Emprego Público pasa outra vez o rolo e aproba varios procesos selectivos co voto en contra de todas as organizacións sindicais Na Comisión de Persoal (CP) do 23 de xullo constátase unha vez máis o desprezo negociador da Dirección Xeral de Emprego Público (DXEP) que usa ás organizacións sindicais, representantes lexítimos do persoal da Xunta de Galiza, como meros...
Martes, 28 Xullo 2026

Cadro de persoal de investigación de carácter laboral da comunidade autónoma; elección de destino de Gain (MX 23/07/26)

A creación do cadro de persoal de investigación laboral nos organismos de investigación veu á Mesa sen negociación previa coa representación das traballadoras e traballadores de cada entidade, deixando fóra 32 organismos dos 50 recoñecidos oficialmente, excluíndo ao persoal de xestión da innovación e omitindo as funcións efectivas dos postos, ademais dunha clasificación...
Venres, 24 Xullo 2026

Axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral por redución da xornada de traballo

No DOG do 24/07/2026 publican a ORDE do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027, e se convocan para o ano 2026...