Novas por contido

A Dirección Xeral da Función Pública publicou no DOG do venres 3 de marzo, as resolucións polas que inadmiten as solicitudes de de recoñecemento extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional (carreira administrativa para o persoal funcionario e complemento de desempeño do posto para o persoal laboral).

Estas resolucións engaden un anexo na que se relacionan as persoas ás que non se lles admite a solicitude, con indicación da causa de inadmisión (non ser persoal da Administración Autonómica a 31/12/2021, non estar incluido/a no ámbito de aplicación, solicitude fora de prazo).

Estas persoas excluídas teñan dúas opcións para reclamar:

  • Interpoñer un recurso (potestativo) de reposición perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes. Estamos a túa disposición para axudarte con esta vía.

  • Interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses. As persoas afiliadas á CIG teñen a súa disposición a asesoría xurídica para utilizar esta vía.

A CIG non está polo labor de aumentar as desigualdades e o mal ambiente nun organismo como o AGADIC, dependente da Consellaría de Cultura e Educación. Nesta primeira xuntanza, que foi o venres 24/02/2023, o director do AGADIC, vendeunos as bondades desta modificación da RPT, na que só vemos problemas, como contamos de seguido e que lle fixemos saber xa nesa reunión.

  • Primeiro, lamentamos a destrución de emprego neto: nesta RPT amortízanse oito postos directamente e quedan seis a extinguir. Ou sexa, amortízanse en diferido seis a maiores dos oito.

  • Pedimos a memoria económica, que non nos facilitaron, e chegaron a dicir que non se destrúe emprego neto. Pois, que nos digan como crean unha subdirección, reclasifican varios niveis e dan varios específicos a maiores, se non amortizan prazas e non aumenta o gasto, será cousa de maxia!

  • Estamos en contra de reconverter postos base en xefaturas de negociado cando están ocupadas. O xeito correcto sería amortizalas e crealas de novo. Se non fan así, premian a uns si e a outros non.

  • Estamos en contra da modificación subxectiva de dúas prazas de tremoeiro/a, cambiándolle o nome a estas fora do V convenio chamándolle “tremoeiro/a de escena, e tremoeiro/a supervisor de intendencia”, cando son cinco tremoeiros/as, e só lle soben o específico a dúas. Isto para o único que vale a para crear mal ambiente entre eles. Se a administración ve que hai unha carga de traballo extra doutros oficios (mantemento, luz, son...), o que ten que crear e outras prazas.

  • Rexeitamos o traslado forzoso de prazas (mestre gaiteiro e auxiliar de son) dende Coruña a Santiago. O xeito de proceder, aparte de unha negociación e motivación mais exhaustiva, sería o mesmo que para o aumento de nivel.

  • Rexeitamos a denominación xeral de postos base para prazas nas que se valora calquera tipo de experiencia ou coñecementos específicos; temos varias prazas así nesta RPT.

  • Rexeitamos que, nalgún departamento teñan asignado un C1 nivel 22 a un A1 nivel 20, do que depende.

  • Solicitamos a retirada da adscrición A15 o posto de Dirección da Filmoteca de Galiza, e a súa adscrición ordinaria con persoal da Xunta de Galiza (AXG).

  • No departamento de coordinación xeral existen dúas prazas de subalterno, un con xornada ordinaria e outro con xornada partida, sen diferencia económica. Solicitamos que se retribúa a distorsión horaria.

En definitiva, como non modifiquen moito esta RPT, este organismo parece que quere converterse nun chiringuito que aumenta as desigualdades, e o mal ambiente entre os seus traballadores, cousa que a CIG rexeita de fronte.

A CIG ten interposto demanda contencioso administrativa contra a OEP de 2017, 2018, 2019, 2020, 2021 por non respectar a porcentaxe de reserva para a promoción interna de persoal laboral que ven establecida no V Convenio Colectivo. A xustiza acaba de darlle a razón a CIG e obrigar a Xunta a convocar as prazas necesarias.

Como xa pasara coas OEP do 2017 e do 2019 a Sala do Contencioso-Administrativo ven sentenciar contra a OEP da Administración Xeral da Xunta de Galiza do exercicio 2020 (a do exercicio 2018 está pendente de sentenza e esperamos que saia proximamente).

O motivo polo que a Sala anula a OEP 2020 é o mesmo que nos casos anteriores: POR NON INCLUÍR A RESERVA DE PRAZAS PREVISTA NO V CONVENIO PARA A PROMOCIÓN INTERNA DO PERSOAL LABORAL, que ademais neste caso é do 50% (tanto na oferta da quenda libre, como na oferta de consolidación).

A Xunta muda a lei cando lle convén

Á Dirección Xeral da Función Pública acumúlanselle as sentenzas desfavorables pero segue a facer o que lle da a gana. E cando ve que perde e que a xustiza lle pon atrancos, o que fai a Administración é usar a Xunta e a maioría do PP no Parlamento para mudar a lei. No 2022 eliminou por lei a promoción interna de persoal laboral das convocatorias de estabilización, aínda que esta nin computa taxa de reposición, nin resta prazas, é ademais esta expresamente compatibilizada na lei 20/2021.


Xa hai dúas sentenzas iguais en prazo de execución forzosa

O TSXG impón as custas procesuais á Xunta de Galiza, mais a Xunta está en prazo de recurso e sempre recorre (como non lle sae do peto ao director xeral...). As que si son firmes e están en prazo de execución forzosa pola negativa da administración de aplicalas, son as sentenzas relativas ás OPE 2017 e 2019 e estamos pendentes de que o Tribunal Superior obrigue á Xunta de Galiza a convocar a promoción interna de laborais non convocada neses exercicios.

Entendemos que a Dirección Xeral da Función Pública esta metida nun lio gordo por non negociar ben as ofertas e tirar para adiante as bravas. Non hai problema, nos estamos sempre dispostas a negociar unha saída equilibrada, mais avisamos que na CIG non nos rendimos na defensa do persoal empregado público que non pode ver pisados ou seus dereitos de promoción.

“Esquecéronse” de negociar coa representación do persoal un título enteiro adicado á Administración pública galega. E agora véñenlles as présas: temos ata o venres 3 para alegar

O pasado venres día 24 fomos convocados pola Consellería de Emprego e Igualdade a unha reunión informativa na que nos deron conta dos aspectos do Anteproxecto de Lei que afectan ao persoal empregado público. Co texto da Lei avanzado e co ditame do Consello Galego de Relacións Laborais e do Consello Económico e Social (polo tanto a piques de entrar ao debate no Parlamento de Galiza), din que nos convocan para “negocialo”. Imos dar batalla, pois imos propoñer activamente melloras na igualdade na Administración pública e nos nosos dereitos de conciliación.

Nunha lectura rápida, este Anteproxecto recolle case literalmente os mesmos contidos que xa formaban parte do Decreto lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galiza en materia de igualdade. Observamos que hai retrocesos conceptuais importantes, introdúcense termos como “composición equilibrada” na vez de discriminación positiva, a omisión deliberada do machismo social e institucional igualando a base da que partimos homes e mulleres, e colan termos xa desbastados como a “violencia doméstica” na vez de “violencia machista”.

De cara as persoas empregadas públicas: nin mellora a conciliación, nin garante dereitos, nin regula nin achega nada novo. O único destacable e que nos remite á Lei de emprego público, seguindo a impoñer condicións por lei, obviando o carácter informador e regulador que tería o I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza (en proceso de negociación na actualidade e que contempla definicións normativas máis actualizadas), obviando avanzar nos dereitos mediante a negociación colectiva.

É esta Lei de igualdade unha ocorrencia acelerada froito da carreira polos votos? Ou simplemente é unha fórmula hipócrita da Xunta de lavar a cara logo de 15 anos sen Plan de Igualdade para o seu persoal? Ou estamos diante dunha competición normativa co Ministerio de Igualdade?

Nós pensamos que Galiza debe de contar cunha regulación avanzada e precisa en materia de igualdade que constitúa dereitos e elimine discriminacións, pero para iso hai que facer as cousas ben: respectando a negociación colectiva, recollendo achegas e dándose o tempo necesario para levala a cabo.

Tes aquí o texto para consultalo (descargar), e se queres facernos algunha achega, contacta coa CIG.

A recén aprobada Lei Orgánica 1/2023, de 28 de febreiro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2010, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo introduce novidades con respecto as motivacions das incapacidades temporais que entrará en vigor a partir do día 2 de marzo de 2023.

  • Menstruacións incapacitantes: situación de incapacidade temporal xerada por unha menstruación dolorosa a causa dunha patoloxía previamente diagnosticada.

  • Incapacidade temporal a partir da semana 39 de embarazo: terá consideración de situación especial a baixa desde o primeiro día da semana 39 de embarazo. Mais lembra que na Administración pública, na práctica, temos permiso retribuído a partir da semana 37. No suposto de xestación múltiple, este permiso poderá iniciarse o primeiro día da semana 35 de embarazo, ata a data do parto (disposición adicional décimo sexta do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro).

  • Aborto: considerarase a incapacidade derivada dunha interrupción do embarazo, voluntaria ou non, sempre que impida traballar. Nos casos nos que a interrupción de embarazo sexa derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional, considerarase incapacidade temporal por continxencias profesionais. Será o persoal médico de atención primaria o que terá que valorar e xestionar esta baixa por incapacidade temporal polos motivos expostos, así como determinar a duración da mesma.

O 1 de marzo tivemos unha xuntanza da Comisión de Persoal na que se aprobaron catro RPTs.

- RPT Presidencia: Sen cambios significativos. Manteñen o intercambio de postos ocupados (concurso encuberto) entre subdireccións xerais sen dar ningunha explicación. Propoñen un incremento retributivo lineal no complemento específico do 325,56 % (2.000 € anuais) para o persoal da Casa de Galicia en Madrid baixo a xustificación do “custe da vida” en Madrid. Non compartimos ese argumento cando o IPC acumulado a decembro de 2022 en Madrid foi do 4,9 % mentres que na Galiza foi do 6,4 %, un punto e medio máis. En base a esa argumentación do "custe da vida" solicitamos o citado incremento de 2.000 € anuais para todos os empregados públicos do ámbito de Función Pública. Presidencia non aceptou.

A RPT quedou aprobada co voto en contra da CIG, a abstención de CCOO e UGT e o voto a favor da CSIF.

- RPT Atriga: Crean 12 novos postos de traballo. Voto a favor de CIG, CCOO, UGT e CSIF.

- RPT Facenda: Un novo paripé de negociación culminado co envío de nova documentación apenas media hora antes do inicio da xuntanza. Incremento de postos en LD sen unha xustificación válida. Crean postos en Función Pública a conta de amortizar postos ocupados en destino provisional por novo ingreso. Creación dun posto de coordinador/a, nivel 20, no Tribunal Administrativo de Contratación sen unha xustificación nin pola responsabilidade, carga de traballo nin pola especial dificultade. Ademais de que este tribunal xa dispón dunha xefatura de negociado (nivel 18) que ten as funcións do posto que se crea, xerando unha duplicidade discriminatoria e innecesaria.

CIG e CSIF en contra. CCOO a favor e UGT abstención.

- RPT Aturga: Amortizan postos.Traspasan crédito dende a Aturga para financiar a RPT de Presidencia. Estamos en contra da apertura a persoal docente do posto novo de Xefatura de Área de Turismo Termal en Ourense.

CIG en contra, CCOO abstención, UGT e CSIF a favor.

- Rogos e preguntas:

Baremación provisional procesos selectivos incendios: estano revisando. Nomean as sentenzas do persoal indefinido non fixo que baremaron a tempo completo, vai haber correccións.

No DOG do 01/03/2023 publican a RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda o peche de determinadas listas, así como a apertura doutras para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza e o nomeamento de persoal funcionario interino, correspondentes a determinados grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades.

Pechan a incorporación de novas solicitudes para as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se indican no anexo I.

Reabren as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se indican no anexo II.

Relacionan as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se atopan abertas e nas que as persoas interesadas poderán presentar solicitude de inclusión no período comprendido entre o 1 de marzo e o 30 de abril deste ano (anexo III).

Relacionan as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades pechadas, nas cales soamente se poderán inscribir aquelas persoas que, para a lista correspondente, superasen algunha proba do último proceso selectivo do grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade, ou prestasen servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas relacións de postos de traballo para a lista correspondente a ese grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade (anexo IV).

O martes 28 de febreiro tivemos mesa sectorial de funcionarios públicos e Mesa Xeral de Empregados Públicos para tratar varias RPTs.

1.RPT de ATURGA

Sen cambios por parte da administración. Seguimos a rexeitar a apertura a persoal docente do posto de nova creación Xefatura de Área de Turismo Termal, con forma de provisión por libre designación.

2.RPT da Presidencia da Xunta de Galicia

Traen como novidade a amortización dun posto de subalterno da DX de Comunicación para a creación dun posto de técnico de mantemento de servizos. Tamén din que notificaron ao persoal afectado polos cambios na secretaría de Emigración e que todos manifestan a súa conformidade a excepción da persoa titular do posto de xefatura de negociado I adscrita a subdirección xeral de Coordinación Administrativa no Servizo de apoio técnico xurídico e contratación, que quedará como estaba.

Continúan sen darnos explicacións reais dos intercambios de dous postos de secretario/a de subdirección xeral entre dúas subdireccións xerais e o mesmo acontece con dúas xefaturas de sección, todos eles postos ocupados. Nin a DX da Función Pública nin a DX de Simplificación Administrativa se pronuncian sobre isto nos seus informes.

Non compartimos a xustificación dada para incrementar o complemento específico diferencial dos postos da Casa de Galicia en Madrid. O DXFP busca xustificación en que a lei de emprego público de Galiza contempla para incrementar o complemento específico as especiais condicións en que se desenvolve o posto de traballo

3.RPT da ATRIGA

Sen cambios con respecto á proposta inicial. Recoñecemos o proceso negociador desta RPT e animamos ao resto de consellerías a que tomen exemplo.

4.RPT de Facenda

Enviaron unha nova memoria funcional complementaria na que basicamente xustifican o cambio de provisión duns postos de xefatura de servizo a LD na Intervención Xeral da CCAA e a creación de dous postos de xefatura de sección tamén por LD na DX de Simplificación Administrativa. Na DX da Función Pública retiran a creación dun posto base subgrupo C2 e cambian a adscrición e a denominación dunha xefatura de sección.

Non tivemos contestación a ningunha das nosas alegacións. Non presentan o informe favorable de Orzamentos. Solicitamos de novo a retirada da Mesa Xeral desta RPT por falta de negociación real.

Todas estas RPTs irán á Comisión de Persoal do 1 de marzo.

5.Rogos e preguntas

Sentenzas da carreira profesional gañadas pola CIG: o DXFP manifesta que a administración acatou as sentenzas e entende que, mentres o tribunal correspondente non diga o contrario, cumpriu a execución das mesmas coa aprobación dos novos acordos de carreira profesional publicados en decembro do 2022.

Sentenza gañada pola CIG contra a OEP 2020 gañada por non respectar á reserva do 50 % das prazas para a promoción interna do persoal laboral na mesma liña das gañadas contra as OEPs dos anos 2017, 2018 e 2019: o DXFP considera que as citadas sentenzas xa están “perfectamente executadas” porque a disposición derrogatoria da OEP extraordinaria de estabilización de 2022, de conformidade co disposto na lei 20/21, derroga os anexos II e III das OEPs dos anos 2017, 2018, 2019 e 2020 respecto de todas aquelas prazas deses anexos que se encontrasen pendentes de convocar. E tamén porque a lei de medidas do ano 2021 suprimiu a promoción interna para todos os procesos de estabilización e consolidación.

Prazas de LD están ocupadas en comisión de servizos: pedimos datos de cantas son e durante canto tempo levan en comisión de servizo. Tamén preguntamos se as LD poden estar ocupadas por persoal interino e durante canto tempo, tendo en conta que a norma só as contempla para o persoal funcionario de carreira. Di que o mirarán, pero que non lle consta que haxa interinos en LD.

Toma de posesión de subalternos: intentarán publicar o buzón de postos a semana que vén.

Baremación provisional dos procesos selectivos de incendios: estano revisando. Esta semana “saberase” algo máis concreto.

Carreira profesional: no DOG do 1 de marzo sairá unha ampliación do prazo para a resolución das solicitudes de carreira profesional.

Funcionarización das prazas que tomaron posesión ultimamente: mirarán de convocala neste primeiro semestre do ano.

Persoal en prácticas do C2: o DXFP limitouse a dicir que cobrarán como persoal en prácticas.

Promoción interna: mantense no dito en xuntanzas anteriores de que mentres non vaian pechando procesos selectivos abertos e dando tomas de posesión non van a iniciar novos procesos.

Trienios do persoal laboral: o criterio que van adoptar para o persoal laboral temporal que aproba un proceso selectivo de persoal funcionario é que conservará o importe dos trienios perfeccionados como persoal laboral e o primeiro trienio que perfeccione será como persoal funcionario. Di que hai xurisprudencia nese senso, incluso do Tribunal Supremo.

Equivalencias de funcionarización: convocarán unha xuntanza para o venres 3 ás 12:00 horas para ver as alegacións dos sindicatos á orde de equivalencias e tamén á lei de impulso demográfico para se é posible levalas a vindeira semana á CP .

A proposta de Acordo de Fondo de Acción Social segue a vir unicamente con axudas para á atención de persoas con discapacidade, polo que recunca ao manter limitadas as axudas iniciais deste Fondo de Acción Social, como a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos

Todos estes recortes no FAS comezaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza, unha lei ditada ao abeiro dunha crise económica xa superada e onde o goberno do estado español xa ten levantado a limitación orzamentaria que xustificaba estes recortes.

A única novidade con respecto o anterior FAS que nos presenta a Administración nesta proposta é o aumento do nivel das rendas anuais das persoas causantes, que se incrementa dos 13.300 euros do ano pasado os 13.510. A contía desta axuda fica en 2.160 euros por causante igual que o ano 2021 e 2020, perdendo como mínimo o IPC, que lembramos ronda o 8% anual.

Na CIG insistimos nas alegacións presentadas en anos anteriores e que se resumen en:

  • Recuperación de todas as modalidades (axudas) do FAS que tiñamos antes dos recortes, e aumentalas progresivamente.
  • Recuperación dos importes subtraídos no 2011 e chegar ao 1% da masa salarial.
  • Compatibilización das axudas do FAS con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexa no mesmo ano natural da convocatoria para evitar os problemas con declaracións complementarias de IRPF.
  • Que todas as axudas que se concedan sexan proporcionais ao nivel de renda das familias.
  • Igualar as modalidades (axudas) as que teñen dereito os/as compañeiros/as que pertencen a MUFACE.
  • Solicitamos que esta axuda se meta en nómina tamén no persoal funcionario, co mesmo sistema de petición que ten o persoal laboral, por unha soa vez, ata que se perda o dereito a cobrala. De non facerse así supón un agravio para o persoal funcionario público que ten que facer a petición cada ano e entregar a documentación xustificativa e, dado que vai case con dous anos de retraso, podería quedar sen cobrar se cambian as circunstancias da persoa causante e/ou a solicitante.
  • No referido ás solicitudes debe darse como opción prioritaria a presentación por sede electrónica cun procedemento propio para o FAS, permitindo que se poida presentar tamén de xeito presencial por rexistro, tal e como se recolle no artigo 5.
  • Os prazos para solicitar o FAS non deben coincidir en ningún caso co mes de agosto. Se non se aceptan as demandas de modificación total do documento e a apertura dunha negociación para a recuperación dos nosos dereitos, a publicación debe facerse canto antes para así podermos garantir o pagamento do FAS dentro do presente ano.
  • A resolución e aboamento do FAS debe ser no mesmo ano natural da convocatoria para evitar ter que recorrer a declaración complementarias do IRPF.
  • Que estas alegacións da CIG cheguen a alguén con capacidade para cambiar o Fondo de Acción Social.

COMPARATIVA

No 2009 (hai 14 anos) tiñamos… E, para o 2022, isto é o que hai..
1. Xubilación                  700.000 €
2. Discapacidade         1.500.000 €
3. Fillos/as menores    1.510.000 €
4. Estudos fillos/as      2.459.537 €
5. Est. traballador/a       200.000 €
6. Vivenda                     966.855 €
7. Maiores a cargo          350.000 €
8. Gastos sanitarios        450.000 €
Axuda única: Atención de persoas con discapacidade (2.160 € por causante)
Total 8.136.392 € Total 2.000.000 €

En definitiva, queremos un autentico Fondo de Acción Social ao que se poida acoller todo o persoal empregado público da Xunta, que vaia máis aló dunha simple liña de axudas de atención de persoas con discapacidade.

Na última Comisión de Persoal (22/02/2023), o director xeral de Función Pública recriminoulle á CIG a sentenza desestimatoria da nosa demanda da Orde de confección de nóminas do ano 2022, que acaba de ditar a sala 1ª do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Considera que esta sentenza dalle a razón con respecto ao seu trato ao persoal que non quere pasar polo aro da “funcionarización voluntaria”. Dende a CIG imos recorrela.

Esta sentenza dá por boa a obriga de funcionarizarse que establece a Orde de confección de nóminas de 2022 (e que xa inclúen as anteriores ordes) e considera que non existe discriminación algunha en denegar o cobro da carreira profesional ao persoal laboral fixo que non se queira funcionarizar.

Pois ben, é unha cousa curiosa que o director diga que esta sentenza lle dá a razón e obvie completamente, porque lle interesa, a sentenza da Orde de confección de nóminas de 2019 do TSXG que di xusto o contrario, e que recorreron en casación no Tribunal Supremo.

Tamén é curioso que exista unha sentenza de xullo de 2022 dunha demanda coa mesma pretensión, e que non interpuxo a CIG, desestimada pola mesma sala do TSXG, e que disto o director non mencione nada.

Pero ben, isto non é novo: o señor director é xa un experto en pasar de largo polas sentenzas que non lle interesan. Inda estamos á espera do resultado da execución da sentenza da Orde de carreira profesional (con sentenza firme), e da execución das sentenzas das ofertas de emprego dos anos 2017 e 2019, que por certo tamén son firmes e nin rastro das convocatorias de prazas de promoción interna para o persoal laboral que tería que convocar a Xunta ao abeiro destas sentenzas. Ao mellor o señor director está a espera de que o persoal se funcionarice para dicir que xa non cabe, quen sabe.

Outras novas recentes

Mércores, 11 Decembro 2024

Elección destino libre e estabilización A1 Enx. Montes e A2 Enx. Tec Forestal (11/12/24)

Recibimos a seguinte comunicación da DXEP: "Coa finalidade de que todas as persoas participantes no acto de elección de destino convocado pola Resolución de 5 de novembro de 2024 (DOG núm. 216 do 8 de novembro de 2024) obteñan unha praza correspondente ao seu subgrupo e logo de examinar as solicitudes recibidas, resulta necesario engadir novas prazas ao acto de elección...
Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...
Martes, 10 Decembro 2024

Postos para destino de A1.Arquitectura e A2.Informatica (10/12/24)

A Dirección Xeral do Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) achegounos a relación de postos e resumo dos mesmos para a eleición de destino provisional dos procesos selectivos dos seguintes corpos/escalas: A1 Escala de arquitectos. Descargar A2 Escala de xestión de sistemas de informática. Descargar Se é do teu interese, contacta coa CIG.