- Detalles
O servizo de persoal de Medio Rural vén de achegarnos a relación de prazas que foron anunciadas en "Moura" para a súa cobertura a través das listas de contratación. Trátase de prazas de 6 a 12 meses correspondentes ao Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF).
- Detalles
En aras da implementación de incentivos por cumprimento de obxectivos na Amtega, esta axencia vén de dirixir un correo electrónico ao seu persoal que presta servizos relacionados con proxectos financiados con fondos europeos durante o 2024 “animándoo” a formar parte duns grupos de traballo dos que descoñecemos os seus fins e obxectivos.
Opacidade e discrecionalidade
A composición deses grupos de traballo vaise facer baixo o criterio do director/a de área respectivo. Sen regulación obxectiva de ningún tipo e aberto á discrecionalidade do director/a de área de turno.
Ti non cobras e ti cobras....se hai cartos
A opacidade e discrecionalidade na conformación dos grupos de traballo mantense no aspecto retributivo. En atención ás dispoñibilidades orzamentarias existentes será o Comité de Dirección da AMTEGA o que decida quen cobra e quen non.
Os “afortunados/as” que cobren algo farano a través dunha compensación económica en forma de bono variable. Variable en función de que? A saber...
Semella que será tras superar unha previa avaliación do seu desempeño e relevancia no cumprimento dos indicadores do plan de acción 2024 e cuns criterios tan “obxectivos” como son a orientación a resultados, orientación a calidade, traballo en equipo, flexibilidade, imaxe e valores corporativos, liderazgo e toma de decisións.
Todo isto é unha derivada do que xa denunciamos publicamente aló polo ano 2021 cando se aprobou a creación e funcionamento dos grupos de traballo para a xestión dos fondos de recuperación e resiliencia (FRR) co voto en contra da CIG e CSIF e a favor de CCOO e UGT.
En resumo:
- Grupos de traballo conformados con total arbitrariedade.
- Sen información á representación do persoal de quen forma parte de cada grupo.
- Sen dar conta dos cartos destinados e do reparto dos mesmos en concepto de compensación económica.
A respecto disto, sinalar que a CIG solicitou varias veces a AMTEGA información a respecto dos grupos de traballo, pero nunca tivemos contestación. Por que será?
- Detalles
Ao non avaliar os cursos de peor calidade, evítase que estes datos afecten nos resultados da memoria anual.
A CIG vén de rexistrar unha queixa dirixida á EGAP que recolle as propias queixas das persoas usuarias sobre as irregularidades que detectaron neste semestre. Entre as máis graves: o emprego do castelán no canto do galego nas plataformas en liña, na documentación e por parte de moito profesorado, a imposibilidade de avaliar a formación, a falta dun exame normalizado, o incumprimento do horario e do programa ou a falta de capacitación docente na materia e da habilitación pedagóxica do profesorado.
Neste mesmo documento solicitamos unha explicación da EGAP a todas estas irregularidades, maior transparencia do proceso de contratación do profesorado e facilitar a enquisa normalizada a todas as persoas usuarias afectadas.
A EGAP presume de ser un exemplo de calidade e traballar na mellora continua dos servizos públicos a través da formación do persoal funcionario e laboral. Neste senso na Carta de servizos da EGAP establécense obxetivos e compromisos que nesta ocasión son papel mollado que ademais pretenden ocultar.
Na CIG defendemos unha formación de calidade para o persoal da administración pública, non aceptamos os cursos chapuzas, o simple presentismo, nin moito menos que nos enganen cos resultados das memorias. A formación que imparte a EGAP pagámola todas as persoas contribuíntes polo que non aceptamos chiringuitos nin enganos.
Lembra que para estes e outros asuntos podes contactar coa CIG dende aquí.

- Detalles
A Xunta, por terceiro curso consecutivo, aplica a gratuidade para as persoas usuarias das escolas infantís de cero a tres anos.
Como vimos denunciado dende que se implantou o financiamento ao 100% de todas as prazas, sexan públicas ou privadas, co diñeiro de todas e todos, ... dá igual o nivel de renda que teñan as familias.
Onde a oferta de prazas é maior que a demanda, en determinados núcleos de poboación, a matrícula das escolas infantís públicas baixou de xeito significativo para subir na privada. Lembramos que até o de agora só se concedían axudas para ir á privada se non se obtiña unha praza nas escolas públicas.
Tamén, hai núcleos de poboación nos que a oferta das prazas públicas é moi deficiente e as prazas, públicas e privadas, non chegan para todas as familias que as demandan. Por enriba, para acceder a unha praza nun centro privado, non se teñen en conta as normas cuantitativas para o acceso ás prazas que favorezan a inclusión social e as necesidades das familias con menos recursos.
A educación é o mellor instrumento de evitar desigualdades que posúe unha sociedade e así o recolle a normativa vixente (artigo 5.3 do Real Decreto 95/2022, de 1 de feb) A distribución non equitativa dos recursos educativos fomenta a desigualdade xa de raíz, no acceso a esta etapa educativa de cero a tres anos.
E é que non xogamos coas mesmas regras. Mentres nos centros públicos existe un baremo para o acceso, nas privadas hai, como moito, “acordiños” entre elas como pactos de non agresión.
Non hai control sobre as concesións de prazas nin os criterios estándar da Administración Pública para a baremación. Danse casos de reservas de prazas para non natos mentres se deixan fóra nenas e nenos xa nacidos, crianzas pasan máis das 8 horas de máximo establecidas por lei e non so coas excepción tipificadas, periodos de adaptación ridículos máis centrados nas posibles dificultades das familias que nas necesidades das crianzas...
Atendendo a todo o expresado, é posible ver a unha crianza que vaia de balde á escola privada e que a leve o chofer ao servizo da súa familia? Éche.
Alguén poderá pensar que se é de balde para todas e todos, é xusto. Pero os cartos de todas e todos hai mellor xeito de gastalos que pagarlle escola infantil ás fillas e fillos do “patrón”.
NON COS NOSOS CARTOS!!

- Detalles
O servizo de persoal de Medio Rural vén de achegarnos a relación de prazas que foron anunciadas en "Moura" para a súa cobertura a través das listas de contratación. Trátase de prazas de 6 e 12 meses correspondentes ao Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF).
- Detalles
Xa en decembro do 2020, a CIG-Autonómica denunciou que á Consellería de Educación non lle preocupa en absoluto nin a saúde do seu persoal nin a prevención dos riscos laborais, porque nesa data, como explicábamos, modificou a estrutura da consellería para que o Servizo de Prevención pasase a ser unha simple función da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
Segundo os datos estatísticos publicados na páxina web da Xunta e que corresponden ao 1º semestre do ano 2022, a Consellería conta con 30.711 docentes e 3.677 non docentes, o que supón un persoal total de 34.388. Porén, o Servizo de Prevención está formado actualmente por solo dúas persoas para dar servizo a case 34.400.
A Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, establece a obrigatoriedade da creación dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral, pero na actualidade a Consellería de Educación, ademais do Comité Intercentros, debería contar con catro comités provinciais, pero nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra non chegaron a conformarse, sendo o de Ourense o único que a día de hoxe está constituído (pero sen reunirse coa periodicidade que estipula a lexislación).
Dende a CIG-Autonómica entendemos que a Consellería de Educación está a incumprir a normativa vixente porque non constitúe os comités e porque o Servizo de Prevención non conta cos medios materiais e humanos suficientes para desenrolar adecuadamente as actividades preventivas necesarias.
Por iso vimos de solicitarlle que reverta esta situación de inmediato ou verémonos na obriga de acudir novamente á Inspección de Traballo, como xa fixemos, e grazas ao que conseguimos que se realizaran as avaliacións de riscos de todos os centros de ensino.
- Detalles
A directora de Atriga convocounos a unha xuntanza para o día 29 de maio, para tratar unha proposta de modificación da súa relación de postos de traballo (RPT).
Se resulta do teu interese, aquí tes a proposta: descargar.
Para achegarnos o que consideres, podes contactar coa CIG.
- Detalles
Parece que era norma da antiga Dirección Xeral de Función Pública ocultar información ás persoas traballadoras e aos seus representantes. A nova directora xeral de Emprego Público acaba de chegar pero non comeza con bo pé: convocan o concurso de corpos xerais e no listado de postos publicado retiran 180 con respecto ao listado de febreiro.
É verdade que con respecto a aquel aumentan os postos pero iso débese ao seguinte:
| Postos | |
| Listado (20/02/2024) | 2.879 |
| Engadidos (15/05/2024) | 377 |
| Retirados (15/05/2024) | 180 |
| TOTAL |
3.076 |
Engaden 377 postos, o cal nos parece moi ben, pero a cuestión é por que retiran 180? Dende a CIG consideramos que se debe dar unha explicación para esa retirada, pois hai moitos destes que son postos de nivel (entre eles 16 seccións, 10 negociados, 13 de niveis 20-22, etc). Deses postos excluídos só deron explicación razonada da retirada de 13 deles ("Retírase da oferta" non é razoar a exclusión). E o resto?
Entendemos que cando se activa a aplicación da caixa de postos (“buzón de postos”), isto é para que aleguemos sobre os postos pero tamén para que nos dean unha explicación, neste caso, de todas as exclusións, por transparencia e por respecto ao persoal funcionario de carreira que vai participar neste concurso.
Por iso a CIG ven de esixirlle á nova directora xeral de Emprego Público que nos dea una explicación pola exclusión de todos e cada un dos postos que figuran neste listado. E evidentemente esixiremos que nos casos onde non haxa unha causa xustificada se engadan ao listado do concurso ANTES de que remate o prazo de presentación de solicitudes.
- Detalles
A deixadez da Xunta en resolver os seus propios procesos selectivos e a paralización orzamentaria para cubrir as necesidades de presuposto do Servicio de Gardacostas fai que dende hai uns meses as bases operativas de Vigo e Ribeira teñan embarcacións sen saír ó mar por falta de tripulación.
Estes feitos xa se puxeron en coñecemento da consellería polos delegados da CIG na última reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral, e a día de hoxe seguen sen solucionar as deficiencias, polo que continuamos na mesma situación.
Para poder solucionar tales atrancos para o funcionamento dun servizo que polas súas funcións é imprescindible, faise necesario:
1) Desbloquear a cobertura de prazas por parte de Orzamentos.
2) Desbloquear a OPE de 2022 e convocar as 10 prazas de patrón e 13 de mecánico/a que constan nela.
Cubrir as demandas de persoal do servizo é o único xeito de que as lanchas poidan volver a saír ó mar. Telas amarradas nas bases é unha ineficiencia, un desbaratamento de recursos e un desleixo.

- Detalles
Vén de publicarse no DOG do 22/05/2024 —cada vez sae máis tarde— a convocatoria do mal chamado «Fondo de Acción Social» do ano 2023. Trátase exclusivamente dunha axuda por persoa con discapacidade a cargo coa que Función Pública pretende seguir substituíndo sine die o auténtico FAS.
Resumo da convocatoria:
Solicitude: será única con independencia do número de persoas causantes con discapacidade polas que se solicita a axuda. Xerarase de xeito telemático dende a aplicación do FAS.
Presentación: no rexistro ou de forma dixital a través da sede electrónica da Xunta de Galiza mediante solicitude xenérica PR004A. Dirixirase á Consellaría de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. No obxecto do asunto indicarase: convocatoria do Fondo de Acción Social do ano 2023. Xunto coa solicitude achegaranse tamén as copias auténticas dos documentos que se exixen e das certificacións que xustifiquen os feitos alegados.
Prazo: do 23/05/2024 ao 05/05/2024.
Orzamento: máximo de 180 €/mes/persoa
Requisitos:
- Ser persoal funcionario ou persoal laboral do VCCU que prestara servizos durante o ano 2023 na Administración xeral autonómica ou entidades instrumentais da letra a) do art. 45 da Lei 16/2010 (isto é, organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos); ou ben ser persoal docente ou profesor/a de relixión.
O restante persoal da administración xeral ou entes instrumentais non ten acceso a esta axuda.
- Ter a cargo unha persoa causante cun grao de discapacidade entre o 33 e o 75 % e rendas inferiores aos 14.000€ anuais en concepto de rendementos de traballo ou de prestación que teña tal consideración. Cando a discapacidade é superior ao 75% non son de aplicación os límites referidos a estes ingresos.
- Cumprir os requisitos para ser beneficiaria/o desta axuda e que se lle denegara a prevista no art 35 do VCCU.
Que foi do verdadeiro FAS?
O Fondo de Acción Social da Xunta de Galiza foi convocado por última vez no DOG do 09/02/2011. Contaba cun orzamento de 9.136.392 € e con 8 liñas de axuda, como podemos ver nesta comparativa:
| FONDO DE ACCIÓN SOCIAL DA XUNTA | 2010 | 2023 |
| CONTÍA GLOBAL | 9.136.392 | 2.000.000 |
| MODALIDADES | CONTÍAS MÍNIMAS (€) | CONTÍAS MÁXIMAS (€) |
| Atención á discapacidade | 1.300 | 2.160 |
| Xubilación | 3.500 | 0 |
| Fillas/os menores | 150 | 0 |
| Estudos de fillas/os | 90 | 0 |
| Estudos do persoal | 200 | 0 |
| Adquisición de vivenda | 1.532 | 0 |
| Maiores a cargo | 200 | 0 |
| Gastos sanitarios (tratamentos, próteses) | 60 | 0 |
| Gastos sanitarios (produtos alimentarios) | 60 | 0 |
Recuperación do FAS para todo o persoal!
A CIG esixe a derrogación da Lei 1/2012, que estableceu a suspensión da convocatoria, concesión ou aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, agás a axuda por persoa con discapacidade (a cal non pode ser superior a 180€/mes). No caso de terminados entes, a axuda foi suspendida por completo.
Esta Lei 1/2012, con medidas temporais en determinadas materias do emprego público en Galiza foi ditada hai 12 anos ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do Estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes.
É hora de recuperar todos os programas do FAS con todas as liñas de axuda existentes antes da entrada en vigor dos recortes desta Lei 1/2012 e da dotación orzamentaria actualizada (1% da masa salarial), e incluir no seu ámbito a todo o persoal da Administración xeral ou entes instrumentais cuxo FAS foi totalmente eliminado coa devandita Lei; ou ben recuperar os FAS propios preexistentes para o persoal excluído desta convocatoria.
Rueda, as medidas temporais non duran 12 anos! Derroga a Lei 1/2022 e recupera o verdadeiro FAS xa para todo o persoal!