Novas por contido

Máis dun ano despois de convocados (22/11/2023), a Xunta publica no DOG do 02/01/2025, os listados provisionais de persoas admitidas e excluídas nos procesos selectivos para o ingreso, pola quenda de promoción interna, nos seguintes procesos:

- RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1.

- RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2.

- RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1.

- RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2.

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas ou excluídas en fides.xunta.gal

A listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa indicación da causa determinante da súa exclusión, poderase consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

As persoas aspirantes excluídas, así como aquelas persoas que non figuren en ningunha das listaxes, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, para reclamar ou emendar o defecto que motivou a exclusión. Para isto deberá acceder a fides.xunta.gal e realizar as alegacións que considere oportunas. Só se admitirán as alegacións que se realicen por medio desta aplicación informática.

No DOG do 31/12/2024 publican o DECRETO 198/2024, do 27 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2024.

O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo á taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2024.

O anexo II recolle as prazas que se ofertan de promoción interna, cuxos procesos selectivos se realizarán en convocatorias independentes das ordinarias de novo ingreso.

O anexo III recolle as prazas que se ofertan de promoción interna para o persoal laboral fixo da Administración xeral da Comunidade Autónoma que van ser obxecto dun proceso de funcionarización, nos termos sinalados na disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza, e na disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

O anexo IV recolle as prazas que se ofertan de promoción para o persoal laboral fixo da Administración xeral da Comunidade Autónoma, nos termos sinalados na disposición adicional décimo sétima da Lei 2/2015, do 29 de abril.

O anexo V recolle as prazas de persoal laboral de entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2024.

A CIG abandona a xuntanza do Consello Reitor da EGAP que deu comezo o venres 26 de decembro pasadas as 13.00h en sinal de protesta por unha dirección desgaleguizadora e cunha xestión totalmente opaca, que ignora as necesidades reais de formación do persoal empregado público e que emprega a “dedocracia” na contratación do persoal formador, sen dar conta tan sequera das remuneracións económicas de cada un deles/as.

Esta central sindical nacionalista considera que a situación da EGAP é crítica, despois dun ano negro. A directora da entidade dende 2014, Sonia Rodríguez-Campos González, ten levado a cabo estes 10 anos unha auténtica política de desgaleguización, que culminou este maio de 2024 coa eliminación de todos os actos de conmemoración do Día das Letras Galegas, que viñan celebrándose ininterrompidamente dende a creación da entidade. 

Unha das razóns de ser e un dos fins da EGAP é, precisamente, o da difusión e a normalización do galego na Administración Pública, a capacitación lingüística do persoal e maila participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega (Lei 4/1987). En cambio, a Escola leva unha década sen responder á altísima demanda real de formación en galego, mentres que tampouco lle esixe ningún coñecemento da lingua galega ao persoal docente, nin require o emprego de material educativo en galego. A día de hoxe a Escola non conta cun plan anual de difusión e normalización da lingua galega, medida solicitada en incontábeis ocasións pola CIG, a pesar da emerxencia lingüística na que nos atopamos, e dos informes do Consello de Europa sobre o cumprimento da Carta Europea de Linguas Minorizadas, que apuntan a importantes déficits no eido da Administración pública galega.

O desfasamento abismal entre oferta e demanda formativa da EGAP, segundo a CIG, dá conta da estrepitosa mala xestión da Escola. Segundo datos facilitados pola propia EGAP, a oferta de cursos de linguaxe administrativa galega é de 900 fronte ás 5.000 solicitudes. Na mesma liña están, tamén, cursos en materias determinantes como a igualdade e violencia de xénero (oferta 1.889 / demanda 11.911) ou de COMDIX (certificación galega de competencias dixitais,  oferta 850 / demanda 5.601).

No DOG do 27/12/2024 publican a baremación definitiva do concurso de estabilización da Lei 20/2021 dos corpos, escalas e especialidades do subgrupo C2 seguintes:

- Corpo auxiliar da Administración xeral

- Escala de persoal de servizos xerais (PSX)

A puntuación definitiva obtida polas persoas baremadas reflíctese no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https:// www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

As persoas aspirantes que formularon alegacións á baremación provisional a través de Fides poderán consultar en fides.xunta.gal as respostas motivadas ás súas alegacións.

No DOG do 26/12/2024 publican a RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

Fan públicas as listas definitivas para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo I desta resolución, así como para o desempeño transitorio de postos reservados a persoal laboral dos grupos e categorías que se relacionan no anexo II.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, apartado de ​ <Listas de contratación> e no Servizo de Atención e Información á cidadanía a través do teléfono 012.

As devanditas listas incluirán a seguinte información:

– Solicitantes admitidos/as na lista con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 e 9 bis do Decreto 37/2006.

– Solicitantes excluídos/as con expresión da causa de exclusión.

As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.

Dous meses despois das anteriores mesas de negociación, rematamos o mes de decembro cun maratón de asuntos a despachar en poucos días, algúns deles tras anos de atrasos.

O venres 20 e o luns 23 de decembro participamos en varias xuntanzas nas que se aprobaron diversos asuntos: OEP-2024 (de Función Pública e de escalas sanitarias), RPT do Consorcio, outra RPT de funcionarización (condutores), RPT de creación de prazas por sentenzas xudiciais, acordo para a “correcta” finalización da estabilización no SPIF, e procesos selectivos para ingreso en A2, B/C1 e C2 pola “modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo”.

OEP 2024 DA DIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO PÚBLICO E ADMINISTRACIÓN DE PERSOAL

  • Non recibimos ningún documento cos criterios ata última hora, e do número de prazas foinos entregado en papel o venres 13 de decembro de 2024. Non existiu negociación.
  • O grupo B segue indo a C1 (non existe).
  • Positivo que existan prazas para discapacidade intelectual, pero inaceptable que a totalidade da oferta de subalternos/as sexan nesta modalidade sen opcións para as persoas que non teñan discapacidade.
  • Promoción interna separada: limitada a 4 corpos e 1 escala. Restrinxen as escalas que poden participar. Non facilitan manterse no posto ou na localidade
  • Despois de 10 anos seguen sen crear prazas de arquivos centrais obrigadas pola Lei 7/2014 (só o teñen 3 consellerías). Tampouco crean os arquivos territoriais da Coruña e Ourense. Están incumprindo a súa proba lei.
  • Vergoña que unha oferta de emprego do ano 2024 sexa aprobada a finais de decembro. Aspiramos a procesos áxiles: que oferten a comezos, convoquen a finais, e remate como moito un ano despois.
  • Tribunais: seguirán a ser 5 persoas nomeadas a dedo, sen control sindical. Demandamos que a paridade non sexa para o total da oferta, senón para cada convocatoria.

CIG votou en contra. CCOO e UGT abstivéronse. CSIF tamén votou en contra. Descargar o texto aprobado

RPT DO CONSORCIO

Esta foi unha RPT metida a calzador, sen negociar, en dous días o que non fixeron en oito anos, que afecta a máis de 1.800 postos. Non se homologan postos análogos aos existentes en Política Social (con niveis e CE inferiores). Haberá que agardar 3 anos a que haxa homologación (veremos se cumpren). Establecen itinerancias que consideramos innecesarias e sen clarificar en que van a consistir.

O punto foi aprobado, desta vez co voto en contra dos catro sindicatos. Descargar a proposta aprobada

RPT DE FUNCIONARIZACION A C1 E C2 (condutores/as)

Non concordamos con que o plus de dispoñibilidade horaria e o plus convenio sexa considerado como complemento específico diferenciado, xa que a percepción do seu importe queda sometido á efectiva prestación do servizo que habería que acreditar con carácter mensual, o que podería dar lugar a posibles abusos de poder. Coñecemos casos de castigos coa non realización de traballo, o que podería afectar ás retribucións. 

CIG vota en contra. Pola súa parte, CCOO, CSIF e UGT votaron a favor. Descargar a proposta aprobada

OEP 2024 DE PERSOAL FUNCIONARIO DE ESCALAS SANITARIAS (Lei 17/89)

Habilitan que se convoquen prazas adicionais por previsión de xubilacións (nos dous anos seguintes). Ao noso ver, isto crea incerteza e sorpresas por non coincidir o que se oferta e o que se convoca, e hai o risco de deixar fóra xente que aproba por non efectivizarse unha xubilación.
Promoción interna: limítanse a dicir que se respectará o mínimo (25%), e restrinxen as escalas que se poden presentar. A CIG aspira a que sexa do 50% en cada clase, e do mesmo que pedimos reciprocamente en todas as escalas, que se permita participar horizontal e verticalmente a todo persoal funcionario, de calquera escala, que cumpra cos requisitos.  
En canto ao exercicio de galego, habilitan a que as convocatorias establezan o carácter eliminatorio ou non, o que permitiría que superase o proceso alguén cun cero de nota en galego.

Por esas razóns a CIG votou en contra. Votaron a favor: CCOO, CSIF e UGT. Descargar a proposta aprobada

MODIFICACIÓN DA RPT DE ADMINISTRACIÓN XERAL E ESPECIAL (sentenzas xudiciais)

  • Tardaron moito en dar cumprimento ás sentenzas (a maioría de sentenzas teñen ata 10 anos).
  • Os postos do Parque de Illas Atlánticas non van coas condicións económicas pactadas.
  • As persoas tituladas superiores lingüistas (I-40), levan toda unha vida en precario contratadas como fixas-descontinuas e a media xornada. Hai demanda de cursos de galego, e daría para xornada completa, pero non lle dá a gana.
  • Advertimos dalgún erro nas equivalencias de categorías/escalas.

O punto foi aprobado co voto en contra dos catro sindicatos. Descargar a proposta aprobada

ACORDO PARA A CORRECTA FINALIZACIÓN DA ESTABILIZACIÓN POR CONCURSO NO SPIF

A DXEP presentounos unha proposta de Acordo para habilitar a baremación de todas as persoas candidatas nos procesos por concurso de incendios, porque verificaron que os autobaremos, e a revisión de dúas persoas por praza nestes procesos estaban moi alterados pola decisión de aceptar os meses de inactividade do persoal fixo-descontinuo. Afirman que noutras escalas/categorías nas que existe persoal fixo-descontinuo non se dan estas circunstancias, e que de existir algún erro puntual resolverán via recurso de alzada.

A CIG manifestou que na negociación das convocatorias xa advertiramos da valoración do tempo do persoal fixo-descontinuo, e que rexeitabamos as autobaremacións, e agora veñen as consecuencias. Foi unha situación xerada pola DXEP e polos sindicatos que apoiaron as bases das convocatorias. 

A CIG reclamou á DXEP fai moitos meses a revisión do baremo de todas as escalas afectadas, así que a pesares das eivas do texto que nos presentan, votamos a favor. O mesmo voto emitiron os outros tres sindicatos.

A DXEP afirmou que os procesos por concurso-oposición tamén poderían ver atrasado o momento do nomeamento, pero non quixo comprometer datas, deixando a cuestión para a “comisión de seguimento”.

Descargar o texto aprobado

Procesos selectivos para ingreso en A2 | B-C1 | C2 pola “MODALIDADE ESPECÍFICA DE PROMOCIÓN DO PERSOAL LABORAL FIXO”

As bases son similares ás do ano 2023, e aínda que manteñen algunha eiva, recollen as correccións que aceptaran nas anteriores. En consecuencia, CIG votou a favor, o mesmo que fixeron os outros tres sindicatos.

Descargar a proposta aprobada

A escasos días de comezar o período de Nadal, o Consorcio ordena ás direccións que deneguen os AP porque non se vai substituír ao persoal.

Ponse ás traballadoras nunha situación imposible de aturar, sen os días que precisan para a conciliación da vida familiar

1. Dende a área de escolas mándase a seguinte instrución ás direccións dos centros

Ao igual que en anos anteriores e por indicación da xerencia achego novamente a comunicación coas instrucións claras de cara a xestión e organización do goce dos días por asuntos propios por parte do persoal das escolas durante os meses do Nadal.

Lembro ás direccións de centro que, todas as persoas traballadoras das escolas deben ser coñecedoras da dita comunicación que de novo remito:

«Con carácter xeral, os permisos por asuntos propios non se cubren e o seu goce queda condicionada ás necesidades do servicio debidamente xustificadas, conforme se establece no apartado 1 da instrucción decimocuarta da RESOLUCIÓN de 24 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se dictan instruccións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas.»

Por tal motivo, as direccións de centro, SÓ concederán permisos por asuntos propios, sempre que se poidan asumir sen a súa cobertura e sendo previsoras e precavidas para garantir o normal funcionamento do centro nestas datas de curso complexas e tendo en conta que, repentinamente poida darse unha situación de forza maior na que se vexa comprometido o servizo, ou se incumpra coa ratio de persoal-nenas/os establecido no Decreto 329/20206, do 28 de xullo.

Caso de non cumprir ratios do Decreto, as direccións quedan facultadas para anular ou denegar os APs xa concedidos, por necesidades do servizo.

Lembrade que os días de asuntos propios do ano 2024 se poden gozar ata o 31 de xaneiro de 2025.

Grazas pola vosa colaboración e esforzo na boa xestión e organización nos centros.

2. A primeiros de novembro, se lle pide ás direccións que fagan un cadro dos permisos e vacacións pendentes de desfrutar nos centros co obxecto que facer cadeas para proceder á cobertura e que sexa máis doado contratar.

3. Nas listas de contratación do Consorcio, nas categorías das escolas, hai suficiente persoal. Ademais acaban de facerse chamamentos ao SEPE para engrosar as listas e proceder á cobertura en Nadal.

4. Na instrución, aludindo á resolución de permisos e licenzas, din que os AP non se cubren, cando é totalmente falso e tendencioso. Si se cubren, e na Consellería de Política Social, naqueles centros que os están a cubrir. Así o manifestaron na reunión mantida para a negociación de carteleiras no Departamento Territorial de Pontevedra. Esta protesta non lla puidemos trasladar á xerenta adxunta porque, desafortunadamente, deunos plantón e non se presentou na reunión.

5. As direccións manifestan que se lles está poñendo nunha situación imposible fronte as traballadoras do centro. Preguntan cal vai ser o criterio para denegar AP : ter fillos menores, maiores dependentes, viaxes pagadas, a que saque o pau máis longo...?

Esiximos que se cubran esas necesidade con carácter de urxencia e que o persoal poida desfrutar dos permisos que xa ten aprobados e poder conciliar a súa vida familiar e laboral.

Nota informativa enviada pola Dirección Xeral de Emprego Püblico e Administración de Persoal: días de asuntos paticulares para o ano 2025

A resolución do 24 de febreiro de 2016 da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucción sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas, no seu apartado décimo cuarto (artigo 118 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia), punto 5, establece que:

“Incorporase un día adicional de asuntos particulares por cada unha das festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído, cando coincidan con sábado en dito ano, agás os traballadores a quendas que xa teñen garantidos o número de festivos anuais a través das carteleiras”

No ano 2025 os festivos laborais de ámbito nacional que coinciden en sábado, segundo o calendario de festivos publicado no Boletín Oficial do Estado son o día 1 de novembro (festividade de todos os santos) e o día 6 de decembro (Día da Constitución).

Como consecuencia, no ano 2025 os días de asuntos particulares serán oito.(8)
https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2024-21316

Aínda que a administración xeral da Xunta ten personalidade xurídica ÚNICA, hai consellerías que non o queren entender e van por libre.

Esta insubmisión dalgunhas consellerías crea problemas coas vacacións xeradas polo persoal temporal e interino das listas cando están cubrindo un posto “non vacante” e son chamados para cubrir un posto vacante e aceptan.

É certo que nalgunhas consellerías isto non é un problema. A mecánica deste asunto é que as consellerías de procedencia fan certificacións de vacacións xeradas e non desfrutadas e a consellería de destino ten dúas opcións:

1.- Permitir o desfrute desas vacacións no novo posto.
2.- Informarlle que debe solicitar o pago das mesmas a consellería de procedencia (partimos da máis que dubidosa legalidade ao continuar a persoa a prestar servizos na Xunta).

E aquí xurde o problema que se da maioritariamente coas consellerías de Educación e de Política Social.

Política Social NON ADMITE o desfrute das vacacións xeradas noutra consellería pero si liquida as vacacións ao seu persoal cando se dan eses casos.

Educación si ADMITE EN OCASIÓNS as vacacións xeradas con anterioridade pero fai coincidir o seu desfrute con días/períodos non lectivos. Vamos, que fai trampa.

Pero o problema máis grave vén cando alguén pasa de non vacante en Educación a vacante en Política Social. Esta última négalle o desfrute das vacacións e Educación négase a pagalas co argumento de que o/a traballador/a renunciou voluntariamente e seguir prestando servizos no posto.

ISTO É UN ABSURDO xa que a persoa aceptou unha opción de mellora na mesma empresa: a XUNTA DE GALIZA

E para agravar máis este asunto, a resolución remite a vía administrativa (agora son maioritariamente funcionarios/as interinos/as) e na maioría dos casos é inasumible ir posteriormente a un contencioso para reclamar 6/7 días de vacacións.

Na mesa xeral do día 13/12/2024 instamos á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal a que adopte medidas e busque unha solución para esta asunto que necesariamente pasa por chamar ao orde ás consellerías insubmisas.

Para seguir a tradición, a Administración achéganos na propia mesa (para que non dea tempo a reflexionar nin a alegar) catro follas cos anexos das prazas da OEP 2024. Limítanse a contarnos o que hai nas táboas. Polo tanto, ademais de que poidamos impugnar a propia OEP, estudaremos impugnar a falta de negociación.

E ante a falta de datos ou de tempo para poder estudalos ou analizalos, imos avanzar as nosas primeiras impresións sobre esta oferta de emprego.

De entrada esta OEP é minúscula. Tanto no caso das prazas de libre como da promoción interna podemos observar que a administración racanea prazas en case todos os corpos e escalas, por non falar de que no caso da promoción interna, non só faltan prazas senón que non ofertan ningunha praza na maioría de escalas e especialidades.

O único dato salientábel e que supón unha novidade é que á promoción interna ao corpo auxiliar (subgrupo C2) van poder concorrer todas as escalas da agrupación profesional (persoal subalterno, limpeza e cociña e recursos naturais e forestais).

O problema deste cambio é que aínda que sexa correcto, o número de prazas convocadas (150 prazas da quenda xeral e 20 de discapacidade xeral), é mínimo para dar cabida ao aumento de aspirantes. Se contamos que ata o de agora só podían concorrer a esta promoción ao redor de 700 persoas da escala de persoal subalterno que tiñan a condición de funcionarios de carreira, agora nos atopamos con case 1.200 potenciais aspirantes.

Se ben levamos propoñendo cambios na promoción interna, especialmente á do C2, e iso non significaba só un aumento de prazas, neste caso o relevante é precisamente iso, a insuficiencia total de prazas. Dende a CIG esiximos, que para o corpo auxiliar como mínimo se incrementen nun 200% e que se acheguen ás 500 prazas convocadas.

Queremos lembrar que promoción interna NON CONTA na taxa de reposición, e que autolimitarse dese xeito é cercenar a progresión profesional das persoas empregadas públicas.

Finalmente preguntámoslles cando tiñan pensado executar as ofertas de emprego anteriores como a do 2022, onde hai moitos procesos sen convocar. Segundo eles convocarán o que reste no 2025.

Outras novas recentes

Luns, 09 Marzo 2026

Este 10 de marzo, mobilízate contra a precariedade e a desigualdade

Desde a CIG facemos un chamado a converter este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, nunha xornada de mobilización contra a precariedade e a desigualdade, para reivindicar traballo digno e sermos na Galiza un pobo con dereitos. MOBILIZACIÓNS DA CIG NESTE 10 DE MARZO Ferrol (actos centrais): ás 11:30h, ofrenda floral no Monumento ao 10 de marzo. Ás 20h, manifestación...
Venres, 06 Marzo 2026

Incumprimentos do Acordo de Teletraballo e novas restricións inxustificadas

Tres anos sen convocar a Comisión Técnica de Teletraballo: a Xunta segue permitindo recortes arbitrarios nas xornadas de teletraballo Na Comisión de Persoal deste venres 6 de marzo de 2026 volvemos denunciar o incumprimento reiterado do Acordo de Teletraballo e a aparición de novas restricións arbitrarias que non teñen amparo na norma. A directora xeral de Emprego...
Xoves, 05 Marzo 2026

A metade das traballadoras galegas estaría en risco de pobreza se os seus ingresos dependeran só do seu salario individual

A CIG convoca unha manifestación nacional en Compostela este 8 de Marzo baixo o lema «Feministas e combativas. En loita pola nosa dignidade!»  ugOYSwV2nEI?si=gi4XNEWHrQQkJr6j   Aínda que a presenza das mulleres no mundo laboral é cada vez maior, en Galiza arredor do 50% das mulleres traballadoras situaríanse en risco de pobreza se os seus ingresos dependeran exclusivamente...