O incremento na participación nesta concentración, na que o espazo cuberto ficou pequeno de máis, é un feito que de seguro veu provocado pola confirmación, a semana pasada, de que o persoal do Estado non ía sufrir ningún recorte adicional ao que xa de por si supón a propia conxelación salarial anunciada. O lema principal desta concentración volveu ser “Non somos empregados/as públicos/as de segunda”.
No día de onte, representantes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa dos Servizos Centrais entregaron unha carta dirixida ao presidente da Xunta de Galiza esixíndolle un trato xusto para cos seus traballadores. Neste escrito tamén se poñía de manifesto que os empregados públicos están a facer moito máis con menos e que non se lles debería esixir máis sacrificios dos que xa levan soportando ao longo dos últimos anos. Así mesmo, facíase unha defensa contundente dos Servizos Públicos Galegos e que se cesase na política de recortes que se está a levar a cabo. Tamén no día de onte, se produciron entrevistas coa totalidade dos grupos parlamentarios da oposición (AGE, PSG-Psoe e BNG) para solicitarlles o seu apoio nestas reivindicacións e que foron asumidas por parte destes partidos políticos.
Na concentración de hoxe, previa a unha xuntanza destes representantes dos órganos de representación co grupo parlamentario do Partido Popular, no medio da choiva e do vento berráronse as consignas habituais (ou non tanto) de “Mans arriba, isto é un atraco” ou “Non hai pan para tanto sobre”. Ademais, púxose o acento sobre o proceso de privatización dos Servizos Públicos no xeito de externalización por medio de Asistencias Técnicas, reivindicouse a importancia do traballo escuro pero imprescindible que se fai dende unha oficina, por parte do persoal administrativo, para que a cidadanía poida dispor dunha sanidade universal ou dunha educación de calidade e rematouse co xa tradicional minuto de ruído dirixido ao Consello da Xunta que se estaba a celebrar a escasos metros.
Tal e como tamén se comentou na propia concentración: "Xesucristo comezou con 11 apóstolos e un traidor e só hai que mirar a que montou". Nós cada día somos máis nesta marea en defensa dos Servizos Públcios. O que está claro é que a loita é o único camiño. Animo e adiante!!







